Miñones cifra en "case 5.000 millóns" o investimento futuro en Ferrolterra e avoga pola chegada do AVE a Ferrol

O delegado do Goberno sinalou sobre o AVE a Ferrol "esta é unha demanda certa, e as cousas que son certas hai que dicilas e traballar nelas, e ese ten que ser o noso compromiso, o permitir que o AVE tamén chegue a Ferrol".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/04/2022 | Actualizada ás 15:36

Comparte esta noticia

O delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, asegurou que se van a "investir preto de 5.000 millóns de euros para apontoar Ferrol, tanto no presente como no futuro, coa intervención en todos os ámbitos". Así, citou a construción das futuras fragatas da serie F-110 para a Armada Española, ademais de "infraestruturas portuarias, novos accesos, desde logo de comunicacións ferroviarias, nos barrios coa rehabilitación de vivendas, en patrimonio histórico".

Ditas manifestacións realizounas Miñones na mañá deste xoves, 21 de abril, no Parador de Turismo, onde foi o protagonista do ciclo 'Conversas non Parador', que organiza o Club de Prensa de Ferrol, onde estivo acompañado, entre outros, polo alcalde desta cidade, Ángel Mato (PSOE). "Estamos alí onde temos competencias e tamén onde non as temos", afirmou.

No capítulo de investimentos por parte do Goberno central Miñones tamén destacou "o inicio inminente da construción do taller de sub-bloques" en Navantia Ferrol, as obras de conexión do acceso por ferrocarril do porto exterior de Caneliñas ou a remodelación da avenida das Pías, "unha das súas fases de actuación xa adxudicada e outra a piques de facelo".

TRANSICIÓN

No que se refire ao peche das centrais térmicas, Miñones detallou que: "Eu defendo que o Goberno decidise dar ese paso, que fose valente, en contra de moitas opinións que ao longo deste ano teño percibido por parte de moita xente". "Se miramos ao presente, o que está a pasar co prezo da electricidade e o gas, o que nos reafirma é que chega tarde e que isto se debería de iniciar moito antes", asegurou.

En canto á chegada do tren de alta velocidade a Ferrol, unha cidade que polo momento non conta cunha infraestrutura para este tipo de transporte público, Miñones expuxo que: "É un tema reivindicativo, conflitivo aquí en Ferrol cando un fala desas conexións ferroviarias e do AVE, pero creo que hai que sumarse". "Esta é unha demanda certa, e as cousas que son certas hai que dicilas e traballar nelas, e ese ten que ser o noso compromiso, o permitir que o AVE tamén chegue a Ferrol", agrega.

Miñones durante a súa participación nun acto en Ferrol.
Miñones durante a súa participación nun acto en Ferrol. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta