Os traballadores dos autobuses urbanos de Ourense convocan folga indefinida a partir do 3 de maio

O conflito do transporte mantense despois de que a reunión mantida entre a empresa e o comité non chegase a un acordo.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 21/04/2022 | Actualizada ás 19:02

Comparte esta noticia

O conflito do transporte urbano da cidade de Ourense mantense despois de que a reunión mantida entre a empresa e os traballadores non chegase a un acordo, polo que convocaron unha folga para o 3 de maio.

Autobús urbano do concello de Ourense
Autobús urbano do concello de Ourense | Fonte: Concello de Ourense.

O AGA, o órgano de resolución de conflitos da Conselleria de Economía, Emprego e Industria, exerceu de mediador externo entre as partes, pero non chegaron a un consenso, motivo polo que desde o comité de empresa xa puxeron a data para convocar a folga indefinida.

Os traballadores explican que a empresa se negou a calquera negociación sen unha desconvocatoria previa da folga, algo ao que non están dispostos desde o comité de empresa que pide, para iso, "avances nas demandas relativas ao convenio colectivo".

"O noso plan era aproveitar estes días para negociar e segundo o que sucedese aprazar o inicio da folga ou mesmo desconvocala definitivamente, pero non sen negociar", explica o presidente do comité, Daniel Fernández, quen engadiu que levan "30 meses así", polo que "non é procedente presentarlle ao persoal un calendario de negociacións como un avance cando ata agora non hai nada en claro".

O paro nun principio estaba previsto para este pasado 20 de abril, pero a última hora foi aprazado por cuestións administrativas. A Xunta pedía que tramitasen unha nova solicitude adaptada aos prazos actuais, xa que a folga estaba convocada para o ano 2020, momento no que tivo que ser aprazada por mor da pandemia.

Tras emendar os fallos na tramitación agora fixouse a nova data para o 3 de maio cunha folga que afecta aos 125 empregados da concesión.

Os traballadores piden cobrar por unha xornada laboral de 8 horas ao día, 40 horas á semana, con horas extras negociadas, mentres que a empresa propón cobrar mensualmente segundo a liña que realicen.

A concesión do transporte expirou no 2015 e desde o 2017 a empresa adxudicataria conta, en base a unha sentenza contencioso-administrativa, cunha serie de pagos que o Concello de Ourense debe facer fronte por un 6% dos gastos de explotación, que chegaron a máis de 10 millóns de euros e que aínda quedan 7 por pagar, segundo explican desde o comité, que engade que traballadores e empresa adxudicataria atópanse "en posturas moi dispares para chegar a un acordo".

Así as cousas, convocan unha nova folga indefinida ao non atopar unha postura común. Terán que fixar de novo os servizos mínimos, que para esta ocasión supuñan o 40%, xa que o transporte urbano e interurbano está considerado servizo esencial

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta