O BNG esixe a reapertura de centros de saúde pechados en pandemia

A Xunta insiste en que son "traslados de actividade", non peches.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 21/04/2022 | Actualizada ás 20:03

Comparte esta noticia

O BNG esixiu á Xunta que reabra "de inmediato" os consultorios pechados durante a pandemia, 14 por toda Galicia, segundo enumerou a portavoz nacionalista de Sanidade, Montserrat Prado. A Xunta defende, con todo, que non se pechou ningún centro, "senón que se trasladou a actividade a outros".

Centro de Saúde do Casco Vello de Vigo.
Centro de Saúde do Casco Vello de Vigo.

Na Comisión 5ª de Sanidade do Parlamento galego, Prado advertiu de que "a día de hoxe" continúan pechados os consultorios de Paradela (en Meis), na comarca do Salnés; Vilaxoán, en Vilagarcía de Arousa; Parga (en Guitiriz), Baamonde (en Begonte) e Castro de Rei, na comarca de Lugo; Hío (en Cangas) e Santa Cristina de Cobres (en Vilaboa), na comarca do Morrazo; Taragoña (en Rianxo) e Cabo de Cruz (en Boiro), na comarca do Barbanza; Romariz (en Soutomaior), na comarca de Pontevedra; Goián (en Tomiño) e Tabagón (en Tomiño, na Roseira), na comarca do baixo Miño, e os de Filgueira (en Crecente) e Valeixe (situado na Cañiza e que segue sen médico), no Condado.

"Ademais de non ter ningunha xustificación, máis que o recorte sanitario, está a causarlle prexuízos económicos e de mobilidade a miles de galegos afectados polos recortes da Xunta do PP na sanidade pública e, nomeadamente, na Atención Primaria", censurou.

Prado lembrou que os afectados adoitan superar os 60 anos, non conducen e carecen de transporte público, "polo que se ven obrigados a depender doutras persoas ou a pagar taxis".

En opinión da deputada nacionalista, "unha medida que foi tomada de maneira excepcional, segundo alegou no seu momento o Sergas, co obxectivo de articular medidas preventivas para evitar o contaxio da Covid nos centros de saúde, está a ser aproveitada polo Executivo do PP para consolidar a súa estratexia e proceder ao peche definitivo de consultorios".

Por parte da Xunta compareceu o director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal, que defendeu que "non se pechou ningún centro", senón que se trasladou a atención "a outros centros onde si se podía tomar medidas respecto da Covid".

"Sempre se buscou atender cos máximos niveis de seguridade e calidade preto das poboacións. A Xunta non ten intención de pechar, quere prestar a atención o máis segura e próxima posible", insistiu Aboal.

Así, detallou que na área sanitaria da Coruña, dos 71 centros --entre centros de saúde e consultorios periféricos--, todos están operativos; na de Ferrol, só se trasladou a actividade nun, xa reaberto; en Lugo, de 84, só un --parcialmente operativo--; na de Ourense, dos 106, trasladáronse dous; en Santiago, de 75, outros dous; na de Vigo, de 52, seis consultorios trasladados; e na de Pontevedra, de 36; tres trasladados --un por falta de persoal previo á pandemia--.

"O 99,5% da poboación durante a pandemia tivo o consultorio no lugar onde sempre o tivo", concluíu Aboal.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta