O Parlamento insta a Xunta a impulsar a creación de produtos culturais en galego para nenos

Pídese que fomente tamén campañas de animación ao consumo da cultura galega entre a infancia e a mocidade.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 22/04/2022 | Actualizada ás 17:27

Comparte esta noticia

O Parlamento de Galicia aprobou este venres por unanimidade unha proposición non de lei na que se insta a Xunta a impulsar a creación de produtos culturais en galego dirixidos a menores. A iniciativa, presentada polo PSdeG e transaccionada co PPdeG, contou co voto a prol do tres grupos representados na Comisión de Cultura da Cámara Galega. Nela, ademais, pídese á Xunta que fomente campañas de animación ao consumo da cultura galega entre a infancia e a mocidade.

Manifestación de Queremos Galego en Santiago
Manifestación de Queremos Galego en Santiago | Fonte: Arquivo.

Durante a súa intervención, a deputada socialista Noa Díaz destacou a importancia de fomentar o consumo cultural entre os menores, especialmente en galego, para "contribuír á normalización" do idioma.

Para argumentalo, Díaz mencionou os datos do Consello da Cultura Galega, que apuntan unha menor presenza de contidos en galego en sectores como o audiovisual, os videoxogos ou os xogos.

Ademais, dixo, hai unha tendencia a "valorar peor a oferta cultural en áreas rurais". "Reforzando contidos culturais en galego estaremos a contribuír a reforzar a nosa lingua e a nosa industria cultural", explicou.

Pola súa banda, a deputada popular Teresa Egerique defendeu a implicación da Administración galega no desenvolvemento de produtos culturais en galego, para os que, indicou, "cada vez hai máis demanda".

Finalmente, a nacionalista Mercedes Queixas (BNG) criticou que a "recuperación da igualdade lingüística para o galego está fóra da axenda do PP" e pediu que se cren "contornas de socialización transversal que axuden" a fomentar o "uso e o prestixio" do galego, "non só unha ristra de actividades".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta