Mariscadoras da ría de Arousa denuncian perdas superiores aos 10 millóns no 2021

A campaña quedou en 147 toneladas, un 43% menos que na última década, e reclama á Administración que tome medidas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 22/04/2022 | Actualizada ás 18:08

Comparte esta noticia

Unha vintena de colectivos vinculados co mar na ría de Arousa, entre os que se atopan confrarías de pescadores, asociacións de produtores de mexillón e grupos ecoloxistas denuncian que o sector acumulou perdas superiores aos 10 millóns de euros en 2021.
Para iso baséanse na media dos ingresos familiares obtidos cada ano polas traballadoras vinculadas ás actividades de marisqueo e pesca na ría de Arousa durante os últimos 20 anos, segundo datos extraídos de Pescadegalicia.

Segundo os datos ofrecidos en rolda de prensa pola Plataforma en Defensa da Ría de Arousa, as confrarías e agrupacións de produtores de mexillón, a produción media de ameixa fina durante a última década na ría arousá foi de 342 toneladas por ano, mentres que no exercicio de 2021 só alcanzou as 147 toneladas, o que supón unha diminución do 43% con respecto á media dos últimos 10 anos.

En canto á ameixa babosa, os datos achegados sinalan unha produción media de 575 toneladas por ano no período 2002-2021, aínda que no último exercicio só se colleitaron 185 toneladas, isto é un 32% respecto da media. Non difire a situación nos datos relativos á ameixa vermella. A produción media da última década foi de 300 toneladas ao ano. No exercicio 2021, tan só se alcanzaron as 161 toneladas, o que supón unha diminución do 47%.

Tamén a produción do berberecho acusa un notable descenso, xa que pasa das 724 toneladas a anuais ás 165 toneladas do 2021, un 73,2% menos. Especies como o camarón ou o percebe tamén sofren un considerable descenso. No caso do camarón alcanza un 21% de diminución ao pasar dunha media de 34 toneladas por ano ás 27 toneladas de 2021.

En canto ao percebe, pasouse dunha produción media de 52 toneladas/ano ás 32 toneladas en 2021, o que equivale a un descenso do 38% respecto da produción da última década.

QUE A ADMINISTRACIÓN CUMPRA COS SEUS DEBERES

Confrarías, produtores e ecoloxistas entenden que "é urxente que a Administración deixe de mirar para outro lado ou desvíe o foco do problema dando explicacións non axustadas á realidade", 'olo que demandan que a Administración galega "cumpra cos seus deberes e dedique os recursos económicos, materiais e humanos para abordar con seriedade e datos o problema".

Os máis de 20 colectivos que compareceron en rolda de prensa aseguran que levan xa moitos anos coa reclamación dun maior apoio, atención e coidado á Administración en relación aos seus deberes legais e morais de protexer a ría e, especialmente, no referente á necesidade de dedicar recursos humanos, económicos e tecnolóxicos para investigar e vixiar as condicións ambientais, as verteduras, a calidade da depuración da EDAR e a calidade das augas dos ríos que alimentan a ría de Arousa. "A ría da que vivimos miles de familias", engaden, e cuxa actividade produtiva primaria "é un motor socio-económico para todo o tecido produtivo da contorna e de Galicia".

Mariscadores traballando / Xunta de Galicia. / Europa Press
Mariscadores traballando / Xunta de Galicia. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta