Comesaña celebra que os datos da covid sigan "contidos" tras a retirada da máscara en interiores

Apunta especialmente ao nivel dos hospitalizados en UCI; 21 en toda Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/04/2022 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, recoñeceu este sábado "certa tranquilidade" ante as cifras de ocupación hospitalaria pola covid 19 e, sobre todo, polos datos na UCI, tras o fin da obrigatoriedade da máscara. No entanto, sinalou que seguirán "monitorando os casos", pediu "ser prudentes" e apelou ao "sentidiño".

Tras os primeiros días sen que o uso da máscara en interiores sexa obrigatorio, o conselleiro asegurou que nos lugares nos que aínda segue manténdose a obrigatoriedade, como en hospitais ou o transporte público, o cumprimento é "exquisito". Así mesmo, no ámbito educativo, onde é recomendable o uso de máscara, asegurou que "se está usando". Neste sentido, indicou que en Galicia, a situación epidemiolóxica continúa con "unha das incidencias acumuladas, tanto a 14 como a 7 días, máis altas de España xunto a Asturias ou Navarra".

Por iso, defendeu que despois de Semana Santa a Xunta estimase oportuno recomendar "de maneira explícita" as máscaras en interiores, aínda que, "loxicamente", con carácter voluntario. En todo caso, Comesaña reflexionou que estamos en "un momento de prudencia" coa incidencia acumulada "moi alta", pero que no ámbito hospitalario e a UCI está "contida".

Ademais, en declaracións aos medios en Silleda, informou de que "máis da metade" dos pacientes que están ingresados con covid, "non están ingresados pola covid, senón con covid". No entanto, pediu "prudencia" e sinalou que por iso no ámbito sanitario "permanece a máscara". O conselleiro recoñeceu "certa tranquilidade" aínda que admitiu que "nunca se pode descartar que a situación empeore", pero insistiu en pedir "prudencia" e apelou ao "sentidiño".

O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en declaracións aos medios. XUNTA DE GALICIA
O conselleiro de Sanidade, Xullo García Comesaña, en declaracións aos medios. XUNTA DE GALICIA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta