O Tribunal Superior dá a razón ao Concello de Pontevedra na limitación de vivendas turísticas

A sentenza do TSXG rexeita a totalidade dos numerosos motivos de recurso da denunciante, unha propietaria dunha destas vivendas turísticas.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 25/04/2022 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) avala o criterio seguido polo Concello de Pontevedra para limitar as vivendas turísticas, ao establecer que o seu uso "non se pode identificar co residencial".

Cidade de Pontevedra
Cidade de Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com.

O Concello de Pontevedra contempla tres supostos para autorizar que un domicilio particular se habilite como vivenda turística: que se trate dunha vivenda unifamiliar, que se atope en planta baixa ou en primeiro piso (como calquera outra actividade económica) ou que se destine todo un edificio ao completo a tal finalidade.

A portavoz do goberno local de Pontevedra, Anabel Gulías, lembrou que esa decisión está baseada no Plan Xeral de Ordenación Muncipal (PXOM) en vigor, para evitar posibles problemas de convivencia e garantir, por unha banda, o dereito ao descanso dos cidadáns e, por outro, autorizar a cesión temporal dunha vivenda privada a turistas.

A sentenza do TSXG rexeita a totalidade dos numerosos motivos de recurso da denunciante, unha propietaria dunha destas vivendas turísticas que foi denunciada en 2019 por alugar a turistas un piso na rúa Sagasta, en pleno centro da cidade do Lérez. O Concello, por mor das denuncias presentadas pola comunidade de veciños, ordenou cesar a actividade como vivenda turística deste piso, situado nunha cuarta planta, advertindo á súa dona de que o seu incumprimento podería derivar no precinto do domicilio.

Para a portavoz do goberno municipal esta sentenza é "moi satisfactoria" ao avalar a xestión do Consistorio, que "resolveu con éxito" unha situación que podería derivar nun problema "futurible".

En canto á cuestión de fondo e principal controversia, o TSXG sostén que a razón exposta polo Concello de Pontevedra en canto a que o uso permitido para as vivendas de uso turístico é planta baixa ou primeira polo condicionante fixado no Plan Xeral "é conforme a dereito" por resultar alleo ao uso residencial as vivendas de uso turístico e doutro lado, apunta que "as limitacións á súa implantación xustifícanse por razóns urbanísticas a fin de preservar a ordenación establecida".

A sentenza deixa sentado que "o uso das vivendas de uso turístico non se pode identificar co residencial" e, por outra banda, ademais da autorización autonómica necesaria para esta actividade turística "tamén se lle requirirá un título habilitante municipal, cinguido ao plano urbanístico".

O fallo tamén engade que "a falta dunha regulación específica" para este tipo de vivendas "neste caso será de aplicación a normativa municipal de plan e máis cando a regulación non ofrece neste particular suposto marxe de dúbida interpretativa". A sentenza é susceptible de recurso de casación.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta