Denuncian que o Concello de Cuntis mercou máscaras e xel por 9.000€ a un compañeiro de partido

Así o vén de denunciar un grupo da oposición, que asegura que o proceso de adquisión foi "irregular" e cuestiona a creación 'ad hoc' da empresa, propiedade dun edil socialista de Arbo.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 26/04/2022 | Actualizada ás 21:16

Comparte esta noticia

Conforme se afasta a pantasma da covid --aínda que Galicia siga subindo en casos e hospitalizados-- comezan a emerxer máis e máis casos de presuntas compras interesadas agochadas tras os procedementos de urxencias que tiveron que enfrontar as administracións públicas para fornecerse de material sanitario nos momentos máis duros da pandemia.

Máscaras.. DELEGACIÓN DO GOBERNO - Arquivo
Máscaras.. DELEGACIÓN DO GOBERNO - Arquivo

 

Logos dos escándalos destapados en Madrid, que salpicaron á cúpula do PP na comunidade, o caso vense de trasladar a Galicia. A oposición do Concello de Cuntis denuncia que o goberno local mercou máscaras e material sanitario por case 9.000€ a unha empresa de recente creación propiedade do candidato do PSOE ao concello de Barro. 

 

Segundo explican dende a formación Veciñanza, a venda tería tido lugar moi pouco despois da constitución da empresa, de nome Celquisan Global. A corporación, engaden, foi creada o 21 de xaneiro de 2021, en Barro, baixa a administración única de José Sanmartín Soto, concelleiro nese municipio e candidato do PSOE á Alcaldía nas últimas eleccións municipais.

 

A problemática está en que, de acordo coas mesmas fontes, o Goberno Municipal de Cuntis, tamén do PSOE, foi un cliente "habitual" desta empresa dende a súa propia creación. "Sen ningún tipo de contrato de por medio, adquiriu máscaras e xel hidroalcólico por máis de 8000 euros só durante o ano 2021", inciden. A contía exacta sitúase nos 8.927€. 

 

En total trataríase de 15 facturas, parte delas efectuadas neste mesmo 2022, a nome dunha empresa que iniciou a súa actividade nun dos momentos máis delicados da pandemia e no que o uso de máscara era obrigatorio. É máis: de acordo coas mesmas fontes, a maior parte das facturas foron pagadas de maneira "irregular", mediante o procedemento de levantamento de reparo de intervención, práctica que describen como "habitual" na xestión económica do PSOE de Cuntis. "Adoita contratar bens e servizos saltando a normativa de contratación pública. Pode constatarse isto nos Decretos de Alcaldía que autorizan os pagos, que van dende os 73 euros ata os 1004 ata sumaren só en 2021 un total de 8083’85€", subliñan.

 

As preguntas que quedan no aire nesta suposta compra "ilegal" estarían nas propias facturas, e se estas son o número completo de compras desenvoltas ou se, pola contra, hai máis que aínda non saíron á luz. "Era ese o provedor coas condicións máis vantaxosas? A que provedor se lle adquiría este material antes da constitución desta empresa? Cal foi o criterio para o cambio de provedor?", insisten dende Veciñanza. 

 

Para a formación "resulta evidente que estamos ante outro caso de caciquismo tan típico e característico do PSOE de Cuntis. A contratación a dedo de material imprescindible á recen creada empresa dun compañeiro de partido. É de tal obscenidade comprobar agora como se lucraban algúns nos momentos de maior sufrimento da pandemia do coronavirus que resulta certamente repugnante. Mentres moitos negocios locais pasaban dificultades, sufrían restricións, tiñan que acollerse a axudas excepcionais para sobrevivir... o PSOE aproveitaba os recursos públicos para favorecer aos seus propios cargos electos", insisten.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta