O Parlamento galego urxe rebaixar o IVE de produtos do mar e un tope de 40 céntimos por litro ao combustible pesqueiro

Tamén esixe exención temporal das cotizacións á seguridade social mentres se manteña a excepcionalidade actual.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 26/04/2022 | Actualizada ás 19:16

Comparte esta noticia

A Cámara galega aprobou este martes unha batería de medidas para paliar os efectos da alza dos prezos da enerxía no sector pesqueiro, entre as que se inclúe pedir ao Goberno do Estado que rebaixe os produtos do mar ao tipo superreducido do 4% de forma permanente, establecer un límite de 40 céntimos por litro ao combustible dos buques pesqueiros e a exención temporal das cotizacións á seguridade social mentres se manteña a excepcionalidade actual.

Os deputados da Cámara galega votan mocións no pleno
Os deputados da Cámara galega votan mocións no pleno | Fonte: Parlamento de Galicia.

Estas medidas figuran no primeiro apartado dunha moción defendida pola deputada do Bloque Rosana Pérez e na que tamén se contempla reclamar ao Executivo estatal as actuacións necesarias para a paralización 'sine die' de todas as normativas europeas e internacionais que "se están pondo ou se pretenden pór en marcha", como a directiva da tributación de enerxía; así como a exención temporal do pago das taxas portuarias que se aplican ás distintas frotas nos portos do Estado situados en Galicia.

Estes puntos defendidos polos nacionalistas galegos saíron adiante co apoio do grupo maioritario, o do PPdeG, pero contaron coa abstención dos socialistas, que consideraron que "máis aló de pedir ao Goberno central que poña medidas, a Xunta ten capacidade e marxe de manobra para articular unha liña de axudas directas".

Precisamente, a iniciativa do Bloque inclúe un segundo apartado no que si figuraban reclamacións ao Executivo autonómico, uns puntos que contaron co apoio tanto de PPdeG como de PSdeG e nos que figura que a Xunta leve a cabo a exoneración das taxas nos portos da súa titularidade mentres se manteña a situación actual; así como que habilite axudas temporais, directas e urxentes que complementen as aprobadas polo Goberno central que minimicen as consecuencias derivadas da crise actual.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta