Limpeza das rías, cando convertemos o mar en cloaca

O fondo das rías galegas é un colector de lixo. Iso pode verse mediante as accións de limpeza realizadas nelas durante os últimos anos. A recollida de materiais de todo tipo, as verteduras incontroladas e outras accións contaminantes, obrigan agora a levar adiante programas de recollida para permitir recuperar polo menos unha parte da superficie danada.

Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 27/04/2022 | Actualizada ás 22:31

Comparte esta noticia

O programa “Mar Limpo, Mar Vivo” que puxo en marcha a Consellería de Mar financiado con orzamentos do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP), está sacando á superficie parte da desfeita acumulada durante décadas no fondo das rías. Electrodomésticos, plásticos, porespam, madeira e todo tipo de refugallo está deteriorándose baixo as augas emitindo elementos tóxicos ao mar. O máis perigoso de todo isto é que a toxicidade dos compostos químicos disoltos na auga pasan aos peixes, mariscos e mamíferos mariños que teñen como último elo da cade ao ser humano. Numerosos estudos alertan sobre a inxesta de metais pesados e microplásticos por parte da fauna mariña que logo pasa á cadea alimentaria humana.

Recollida de lixo na ría do Burgo
Recollida de lixo na ría do Burgo | Fonte: Wikipedia

IMPLICACIÓN

A implicación dos colectivos profesionais na limpeza das rías e esteiros é necesaria para un labor efectivo. “Dentro do proxecto EcoNoia acabamos a segunda convocatoria do programa Mar Limpo, Mar Vivo, e un dos puntos deste programa era profesionalizar o traballo de limpeza” sinala Liliana Solís, bióloga mariña na Confraría de Noia. “As mariscadoras a pé xa se organizan para limpar porque esta é unha acción que realizan cando non mariscan ou cultivan”.

“Detrás hai un traballo de concienciación, o que se tira ao mar pasa á fauna mariña e iso acaba no que consomen as persoas” di Jorge Alfaya, biólogo da Confraría de Vigo. “Algúns contaminantes biolóxicos poden desaparecer en dúas semanas. O perigo está en contaminantes persistentes como químicos ou materiais pesados”.

As tarefas de retirada dos refugallos tirados ao mar non é cousa doada e tampouco é algo que se compense economicamente moitas veces. É por iso que os proxectos de limpeza en Vigo e Noia contaron con diferentes orzamentos para cubrir como días de traballo o tempo investido por parte de mariscadoras e mariñeiros.

Clasificación, numeración e peso do lixo recollido na ría de Noia
Clasificación, numeración e peso do lixo recollido na ría de Noia | Fonte: Liliana Solís, ECONOIA

“Os orzamentos tiñan liñas de compensación por días traballados, isto correspondía a catro horas da xornada laboral” explica Jorge Alfaya. “As axudas tamén animan a facer unha recollida ordenada, ademais que se axuda a algunhas entidades na recolección de residuos”. “Este ano tivemos un orzamento de 195.614 euros euros e o groso do orzamento vai para pagar 4 horas por día de traballo” debulla Liliana Solís. “Para estas limpezas había que apuntarse nunhas listas e a organización das mariscadoras para limpar non foi problema porque elas xa se organizaban”.

Nalgúns casos houbo que recorrer a empresas de mergullo para extraer elementos do fondo do mar. “Aumentar o número de participantes custa tendo en conta que foron seis limpezas nun ano, dúas delas con mergulladores” apunta Alfaya. Estes equipos de especialistas levan canda si tanto barcos como equipos especializados cuxo uso incrementa o prezo da acción de retirada.

Por outra parte, todas estas accións precisan dunha serie de pasos anteriores para non ter erros. “Antes de calquera limpeza é necesario realizar unha prospección da área” para coñecer cal é o estado do lugar. A intención é non danar o fondo mariño como explica Liliana Solís. Tamén hai que ter en conta que os bancos de area poden moverse e, se de primeiras un lugar parece limpo, a corrente pode levantar todo o sedimento e deixar ao aire lixo que estaba oculto.

A XESTIÓN

Logo da recollida, onde se deposita todo o material? Que facer con el? “A xestión destes residuos é o principal problema de organización, para iso contamos coa axuda dos concellos, no noso caso foron os de Noia e Outes” explica Solís. Ambos os dous concellos empregaron os seus respectivos servizos de recollida para o tratamento dos refugallos levantados. “Á parte de profesionalizar a limpeza, o programa de subvencións tamén indica que se deben clasificar, contar e pesar os residuos”. Moito dese material debera ir parar a puntos limpos e para iso sería necesaria a ampliación de horarios nestes espazos.

“A miña valoración da última campaña é positiva. Nalgún lugar pasamos de recoller unha tonelada a 400 quilogramos, por tanto, canto menos lixo extraes mellor está o mar” di Jorge Alfaya. “A xestión corresponde ás plantas de residuos. Alí faise unha separación do material e logo pasa aos contedores correspondentes”. En canto ás verteduras incontroladas, Alfaya ve mellorada a situación da ría de Vigo logo da instalación da nova depuradora. Aínda así, quendan algúns puntos por corrixir debido á pouca capacidade do sistema de alcantarillado.

Por outra parte, en Noia realizáronse obradoiros de reciclaxe tanto de redes como doutros materiais para darlles unha nova vida. “Coñecía a acción de Mar de Fábula que xunto coas mariscadoras realizaron un gran labor de limpeza” indica Solís. Á parte, houbo exposicións e accións divulgativa e de formación desde Mar de Fábula. Haberá unha segunda edición coa Corrdinadora de Estudos dos Mamíferos Mariños para dar a coñecer o impacto dos residuos na fauna do mar.

Os programas de limpeza nas rías demostran que o estado das mesmas non é saudable. Hai casos como o da ría do Burgo na Coruña onde hai que realizar importantes investimentos para a recuperación dese espazo. A limpeza dos fondos das rías e sobre todo, das áreas de marisqueo, quere concienciar sobre o maltrato dispensado ao mar e ás correntes de auga continentais e as consecuencias que pode ter para o ser humano.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta