Policías e garda civís advirten dos problemas de saúde mental en axentes

Unhas xornadas organizadas por SUP e AUGC abordan a problemática da saúde mental entre os axentes e a sociedade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2022 | Actualizada ás 13:03

Comparte esta noticia

Policías e garda civís consideran necesario que as administracións se impliquen cos corpos para reducir os problemas de saúde mental entre os axentes, ademais de dotalos de máis ferramentas e formación para poder tratar desde o seu traballo esta problemática na sociedade, que gañou en visibilidade durante os últimos anos.

A saúde mental foi o tema a tratar nunhas xornadas organizadas polo Sindicato Unificado de Policía (SUP) e a Asociación Unificada de Garda Civís (AUGC), que tivo lugar na mañá deste xoves en Santiago de Compostela.

A inauguración das xornadas, que se celebran no Hotel Porta do Camiño da capital galega, contou coa participación do presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Ángel Santalices, e o directoral xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva; que acompañaron ao secretario autonómico do SUP, Roberto González, e o secretario provincial na Coruña de AUGC, Diego Madrazo.

Ambos resaltaron o papel xogado polas forzas da orde durante os dous últimos anos, marcados pola pandemia de covid que elevou ao primeiro plano os problemas de saúde mental, tanto en número como en exposición.

O xefe do Lexislativo autonómico subliñou a súa condición de "observador privilexiado" sobre a problemática da saúde mental, dada a súa condición profesional de médico, que o levou a dirixir na década de 1980 o sanatorio mental de Toén, o único por aquel entón de carácter público en Galicia.

Por este motivo, Santalices dixo que ten unha "especial sensilidade" coas enfermidades mentais, un asunto "moi especial" que quedou "en evidencia" durante a crise sanitaria dos últimos dous anos. Neste sentido, puxo o acento na necesidade de encarar como sociedade un asunto como o suicido, ante o que "aínda hai moito medo para falar" sobre el de forma pública.

Pola súa banda, o responsable de Emerxencias e Interior do Goberno galego, Santiago Villanueva, tamén valorou o traballo desempeñado "sempre en primeira liña e sen racanear esforzos" polas forzas da orde durante a pandemia.

Inauguración da xornada sobre saúde mental organizada polo SUP e AUGC, que abriu o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices. SUP
Inauguración da xornada sobre saúde mental organizada polo SUP e AUGC, que abriu o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Anxo Santalices. SUP | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta