A Xunta cre que o "centralismo" do Goberno "pon en risco" a execución dos fondos europeos

Francisco Conde representou ao Executivo autonómico na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/04/2022 | Actualizada ás 14:39

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo do Goberno galego, Francisco Conde, cargou contra o Goberno pola súa xestión dos fondos europeos, que considera "centralista", "lenta" e que "falta de transparencia", o que "pon en risco" a súa execución. Así se manifestou o responable da área económica da Xunta en declaracións aos medios en Madrid antes de participar na Comisión Xeral das Comunidades Autónomas do Senado.

O encontro, do que se ausentaron todos os presidentes autonómicos, serviu para abordar os fondos europeos coa vicepresidenta primeira do Goberno e ministra de Asuntos Económicos, Nadia Calviño. Antes da súa celebración, Francisco Conde criticou o Executivo central pola súa xestión dos fondos, nos que pide unha maior participación das comunidades autónomas e do "tecido produtivo".

Para o 'número tres' da Xunta, o Goberno "pon en risco" a execución destes fondos porque os xestiona de forma "centralista", "falta de transparencia" e "lenta". Como exemplo disto, Conde sinalou que "apenas un 14%" dos 33.000 millóns que configuran estes fondos foron publicados no Boletín Oficial do Estado.

Todo isto, continuou, provoca unha situación de "incerteza" nas empresas, nas que hai dúbidas sobre "como acceder a estes fondos e pór en marcha os proxectos". Francisco Conde advertiu que existe "un risco real" de que Stellantis "quede fóra das axudas" porque carece dunha "resposta clara" por parte da Administración estatal sobre o seu acceso a estas partidas extraordinarias.

Tamén se referiu á "incerteza" sobre o proxecto da compañía Altri de instalar unha fábrica de fibras téxtiles en Palas de Rei. "Non sabemos cales son as convocatorias para obter estes fondos", aseverou. "A centralización é un obstáculo para que haxa axilidade", engadiu Francisco Conde, antes de incidir en que o Goberno "reserva o 100% dos fondos para desenvolver proxectos industriais" cando estas competencias están en mans das autonomías, ás que non se dota de "capacidade" para xestionar as partidas extraordinarias que veñen de Europa.

Francisco Conde.. XUNTA
Francisco Conde.. XUNTA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta