A “dieta epixenética” galega... para gozar dun envellecemento saudable

Científicos reivindican a capacidade da dieta atlántica de inducir efectos beneficiosos para a saúde por medio de mecanismos que regulan o funcionamento dos nosos xenes e que poden actuar na prevención de enfermidades.

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 30/04/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A atlántica é a dieta propia de Galicia e do norte de Portugal, e está avalada pola ciencia como unha das máis saudables e sustentables. Desde 1999, a comunidade científica comezou a referirse á dieta atlántica como un modelo saudable e funcional e, desde entón, foron numerosos os estudos que avaliaron as características deste patrón alimentario, achegando resultados realmente interesantes, tanto desde o punto de vista nutricional como medioambiental. Agora, proponse como unha posible “dieta epixenética”, cuxos compostos poden inducir efectos beneficiosos para a saúde por medio de mecanismos que regulan o funcionamento dos nosos xenes e que poden actuar na prevención de enfermidades.

Dieta atlántica.
Dieta atlántica.

Esa é a hipótese coa que traballan no Grupo de Epixenómica en Endocrinoloxía e Nutrición do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS), dirixido por Ana Belén Crujeiras, no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), onde realizaron unha revisión das evidencias recompiladas en bases de datos científicas sobre a dieta atlántica, as cales suxiren que podería favorecer un envellecemento saudable mediante mecanismos epixenéticos. Así, nesta revisión, avaliaron os principais aspectos que definen a dieta atlántica e os posibles cambios epixenéticos asociados a eles a partir de estudos recentes sobre os principais compoñentes deste patrón alimentario.

“A dieta atlántica é un patrón dietético único que se dá en rexións que presentan unha esperanza de vida máis alta"

A epixenética é unha palabra composta cun prefixo grego que significa literalmente por enriba (epi) do xenoma e refírese ao estudo dos mecanismos que regulan a expresión dos xenes sen alterar a secuencia do ADN, producindo cambios no epixenoma por mor da idade e a exposición a factores ambientais (alimentación, exercicio, medicamentos, exposición a substancias contaminantes…) e que, nalgúns casos, poden herdarse de xeración en xeración, modificando o risco de enfermidades. Os últimos avances científicos no campo da nutriepixenética revelaron que as marcas epixenéticas asociadas a alimentos ou nutrientes e factores ambientais modulan a expresión xénica e, polo tanto, están implicadas tanto na saúde como na enfermidade. As modificacións epixenéticas son comúns en moitas enfermidades, como a obesidade, a diabetes tipo 2, a síndrome metabólica, a resistencia á insulina ou o cancro, por exemplo.

Os expertos recordan que evidencias científicas recentes demostraron a importancia da dieta e dos hábitos e estilos de vida para o bo funcionamento do corpo humano, de xeito que unha dieta equilibrada e saudable, a actividade física e o benestar psicolóxico teñen un efecto beneficioso directo sobre a saúde e poden ter un papel crucial no desenvolvemento e prognóstico de determinadas enfermidades.

ENVELLECEMENTO SAUDABLE

Segundo a información existente na literatura científica sobre a dieta atlántica, esta podería promover un envellecemento saudable mediante mecanismos epixenéticos.

Como explican Crujeiras e o seu equipo, “a dieta atlántica é un patrón dietético único que se dá en rexións que presentan unha esperanza de vida máis alta (Galicia e norte de Portugal), o que suxire que este patrón dietético específico está asociado a efectos positivos para a saúde; de feito, está enriquecido con nutrientes de alto valor biolóxico que, xunto cos seus métodos de cocción, a promoción da actividade física, a redución da pegada de carbono e o fomento das comidas familiares, favorecen estes efectos positivos sobre a saúde”.

Os expertos destacan o feito de que en Galicia se observan maiores taxas de supervivencia que noutros territorios, con 1.823 centenarios rexistrados en 2020 segundo o Instituto Nacional de Estatística. Datos que, na súa opinión, “demostran que as rexións con dieta atlántica teñen unha alta prevalencia de supervivencia na vellez”, o cal “pode estar relacionado cun patrón dietético saudable”.

O certo é que a comunidade científica mostrou un crecente interese sobre como responden os nosos xenes aos diferentes alimentos que consumimos. Porén, e como sinalan os expertos do IDIS, a base molecular pola cal os nutrientes modifican a expresión dos nosos xenes aínda non foi completamente descrita. “A hipótese máis aceptada suxire que a regulación epixenética é a responsable destes procesos”, apuntan.

Estudos demostraron que en pacientes con cancro de mama asociado a obesidade e en cuxa alimentación abundan as verduras e o peixe, as marcas epixenéticas melloran

“É importante destacar que as marcas epixenéticas poden reverterse mediante diferentes estratexias terapéuticas, como ocorre despois de seguir unha dieta baixa en calorías, cirurxía bariátrica ou actividade física durante o tratamento da obesidade. Os nutrientes tamén poden actuar como fonte de modificacións epixenéticas e reverter marcas epixenéticas específicas asociadas á enfermidade”, explican os científicos do IDIS.

Precisamente, unha das liñas de traballo do IDIS céntrase en aplicar o coñecemento da epixenética/epixenómica ao desenvolvemento da obesidade e as súas enfermidades asociadas, como a cardiovascular, a diabetes e mesmo o cancro. De feito, o equipo dirixido por Crujeiras está a explorar a epixenética como un nexo de unión entre obesidade e cancro, achando biomarcadores epixenéticos relacionados coa obesidade e coa función do tecido adiposo, principal implicado na obesidade, e identificando firmas  epixenéticas específicas en pacientes con cancro de mama e obesidade, e cancro de colon e obesidade.

Paralelamente, no IDIS están traballando cunha liña de investigación máis nova, a nutrixenómica, nutriepixenética ou epixenética nutricional, estudando patróns de alimentación específicos e, en concreto, compostos bioactivos dos alimentos que poidan estar a regular as marcas epixenéticas e facilitar un envellecemento máis saudable.

Nesta liña, estes científicos destacan o valor da atlántica como posible dieta epixenética. Así, están a traballar a nivel molecular para dar evidencia de como a dieta pode modular as marcas epixenéticas que poden condicionar o noso envellecemento e estado de saúde. Nos seus estudos veñen constatando, por exemplo, que en pacientes con cancro de mama asociado a obesidade en cuxa alimentación abundan as verduras e o peixe, as marcas epixenéticas melloran.

Como lembran, o chamado ‘Decálogo da Dieta Atlántica’, asinado por distintas institución en 2006, inclúe un alto consumo de peixe e marisco, alta inxestión de cereais, patacas e legumes, alto consumo de froitas e verduras, aceite de oliva como fonte principal de graxa, consumo diario de produtos lácteos, consumo moderado de carne, auga como bebida principal e consumo moderado de viño acompañando as comidas, procesos de cocción sinxelos, mantemento dos hábitos alimentarios tradicionais atlánticos, e exercicio diario.

EVIDENCIAS CIENTÍFICAS

Para mostrar a evidencia científica dos efectos beneficiosos para a saúde da dieta atlántica, o grupo liderado por Crujeiras realizou unha revisión sistemática da literatura científica existente.

Existen, por exemplo, evidencias de que unha maior adhesión á dieta atlántica está asociada a unha menor probabilidade de infarto agudo de miocardio non mortal. Ademais, algúns compoñentes deste patrón alimentario poden contribuír á baixa mortalidade por enfermidades cardiovasculares no norte de Portugal e en Galicia. A asociación entre esta dieta e os biomarcadores de risco coronario mostrou que a atlántica é unha dieta que facilita niveis máis baixos de marcadores de inflamación e unha redución dos niveis de triglicéridos, niveis de insulina, resistencia á insulina e presión arterial. Son varios os estudos que apuntan nesta dirección, de xeito que se atopou que unha maior adhesión a este patrón está asociada a un menor risco de enfermidades cardiovasculares, niveis máis baixos de colesterol total e triglicéridos e taxas máis baixas de obesidade.

Outros estudos investigaron os efectos combinados da aptitude cardiorrespiratoria ou da aptitude muscular e a dieta atlántica. E demostrouse que diminuíu a puntuación de risco metabólico, mentres que a baixa adhesión á dieta atlántica estivo significativamente asociada cunha puntuación de risco metabólico alto. Tamén que o índice ateroxénico do plasma estaba inversamente asociado coas aptitudes cardiorrespiratoria e muscular e adherencia a esta dieta (o índice ateroxénico é unha fórmula matemática formulada co fin de poder realizar un cálculo do risco dunha persoa de sufrir aterosclerose a partir dos seus niveis de colesterol en sangue).

Varios estudos demostraron que a proteína C reactiva é un poderoso predictor para o desenvolvemento de enfermidades cardiovasculares e diabetes tipo 2. Pois ben, evidenciouse cientificamente que a aptitude muscular está inversamente asociada cos niveis de proteína C reactiva, e os adolescentes con baixa aptitude muscular e baixa adhesión á dieta atlántica teñen os valores máis altos de proteína C reactiva.

Tamén se observou nun estudo que a adherencia á dieta atlántica está inversamente correlacionada coa presión arterial sistólica, a circunferencia da cintura e a puntuación de risco cardiometabólico.

A evidencia científica publicada ata agora parece demostrar que a dieta atlántica está asociada con melloras na saúde xeral

O equipo de Crujeiras tamén salienta que “aínda que non hai evidencia científica sobre o papel da dieta atlántica no cancro, ata o momento, certos compoñentes deste patrón dietético están asociados a unha diminución do risco de incidencia dalgúns tipos de cancro”.

Así, destacan que na dieta atlántica se inclúen algúns alimentos ricos en compostos bioactivos con potenciais efectos contra o cancro, “como o resveratrol presente nas uvas e o viño tinto, que demostrou potenciales efectos anticanceríxenos in vitro en varios tecidos e liñas celulares, incluído o cancro de mama”, aportan.

Tamén apuntan a evidencias en estudos preclínicos que “demostraron que certos compoñentes, como os glucosinolatos dos vexetais Brassica, teñen propiedades anticanceríxenas”.

Pero ademais destas e outras propiedades beneficiosas para a nosa saúde, destacan tamén os impactos beneficiosos da dieta atlántica “na composición nutricional do leite materno”. Tamén, por exemplo, que nos estudos sobre proporción de diferentes poboacións microbianas no intestino humano en relación coa adhesión á dieta atlántica, observouse que o único grupo bacteriano que mostrou diferenzas estatisticamente significativas foi o xénero Bifidobacterium spp., cuxos niveis foron maiores nas persoas adheridas a esta dieta. Como explican estes investigadores, “o xénero Bifidobacterium spp. xoga un papel importante no corpo humano xa que participa en funcións fisiolóxicas importantes, como o desenvolvemento da resposta inmune, e varias especies considéranse probióticos, polo que se cre que Bifidobacterium spp.ten un efecto protector sobre a saúde”. Este xénero, como lembran, “está estreitamente asociado co consumo de produtos lácteos”.

A evidencia científica publicada ata agora parece demostrar que a dieta atlántica está asociada con melloras na saúde xeral. Por exemplo, outro estudo mostrou que unha maior adhesión a esta dieta se asocia cunha menor mortalidade por todas as causas.

Os investigadores galegos tamén resaltan a importancia de seguir unha dieta como a atlántica “na era actual da covid-19”. Como explican, as infeccións víricas poden provocar unha diminución da inmunidade nun organismo, polo que “a obtención de cantidades adecuadas de antioxidantes naturais a partir de fontes dietéticas podería ser de especial relevancia durante a actual pandemia de covid-19”, expoñen.

Neste contexto, consideran que “patróns saudables como a dieta atlántica proporcionan as cantidades recomendadas de vitaminas, minerais e compostos fenólicos esenciais necesarios para activar as respostas antioxidantes para manter o sistema inmunitario, con excepción das vitaminas D e E, que deben ser complementadas, especialmente en poboacións vulnerables”. Con todo, recoñecen que “son necesarios máis estudos para avaliar o papel dun patrón dietético baseado na dieta atlántica na prevención e xestión da covid-19”.

Tamén asumen que “a maioría dos estudos realizados ata a data que avaliaron os efectos beneficiosos da dieta atlántica foron observacionais, baseados na avaliación da adhesión a esta”, o cal impide chegar a conclusións definitivas sen máis ensaios clínicos que permitan establecer unha causalidade entre a dieta atlántica e certos beneficios.

Fíxose, por exemplo, un ensaio clínico, o estudo GALIAT, que “examinou os efectos desta dieta na saúde metabólica, a saúde cardiovascular e a adiposidade”, comentan, e engaden. “Algúns dos resultados desta intervención nutricional foron diminucións nos niveis de colesterol, peso corporal, índice de masa corporal e porcentaxes de masa de graxa corporal”. Con todo, recoñecen que “ son necesarios máis estudos de intervención con grandes tamaños de mostra e un seguimento máis longo para avaliar os efectos do dieta atlántica sobre a saúde humana”.

EPIXENÉTICA

Sobre a evidencia dos efectos epixenéticos inducidos polos compoñentes da dieta do atlántica, aclaran primeiro que “os mecanismos epixenéticos se caracterizan por ser hereditarios, dinámicos e reversibles” e que “están sometidos á acción de diversos factores ambientais e axentes externos como o estilo de vida, a nutrición, a actividade física, o estrés ou a exposición a patóxenos e toxinas, entre outros, sendo a nutrición un factor ambiental relevante na saúde”.

De feito, proseguen, “a epixenética nutricional postúlase actualmente como unha ferramenta de estudo para comprender a interconexión entre xenes e dieta”.

“Estudos recentes demostraron que un baixo índice de masa corporal, o exercicio e o consumo de peixe, aves, froitas e verduras reducen a aceleración do reloxo epixenético”

Algo particularmente interesante que expoñen os investigadores galegos é que se están facendo estudos que “están a axudar a descubrir os determinantes dietéticos do envellecemento saudable” no campo da epixenética. Destacan, por exemplo, que “estudos recentes demostraron que un baixo índice de masa corporal, o exercicio e o consumo de peixe, aves, froitas e verduras reducen a aceleración do reloxo epixenético” (unha ferramenta útil para medir a idade biolóxica é o reloxo  epixenético, un modelo matemático que mide a idade biolóxica medindo os niveis de metilación do ADN en diferentes sitios do xenoma).

E estudos recentes demostraron que un baixo índice de masa corporal, o exercicio e o consumo de peixe, aves, froitas e verduras reducen a aceleración do reloxo epixenético.

Os investigadores galegos están traballando coa hipótese de que “os compoñentes proporcionados pola dieta atlántica poden ter unha contribución importante na mellora dos resultados de saúde con respecto ás enfermidades relacionadas coa idade e a esperanza de vida”.

Así, salientan que os alimentos incluídos na dieta atlántica conteñen compostos bioactivos e funcionais que teñen efectos beneficiosos para a saúde. Pero tamén destacan o papel fundamental das técnicas de cociña utilizadas neste patrón dietético, coas que “se conservan estes compostos bioactivos mellor que con outras técnicas culinarias como a fritura”.

Centrados nas accións que os principais alimentos da dieta atlántica exercen sobre a saúde a través de mecanismos epixenéticos, apuntan a “estudos experimentais en modelos animais e celulares que demostraron que os compostos contidos na familia Brassicaceae e os seus derivados exercen efectos beneficiosos para a saúde, como previr o desenvolvemento do cancro”. Con todo, din, “son necesarios máis estudos, sobre todo en humanos, para determinar que marcas epixenéticas se producen como consecuencia da incorporación destas verduras á dieta, non só na prevención do cancro, senón tamén en moitos outros procesos biolóxicos en enfermidades crónicas que implican inflamación e proliferación celular”.

DIETA SAUDABLE TAMÉN PARA O MEDIO AMBIENTE

Un aspecto particularmente interesante é o cada vez maior interese nas estratexias dietéticas tamén como enfoques para reducir os impactos ambientais do sistema alimentario. “As cadeas de produción de alimentos e os patróns de consumo representan un terzo do impacto humano no cambio climático; por iso, é importante loitar contra o cambio climático mediante dietas sostibles máis respectuosas co medio ambiente”, aconsellan estes expertos.

A Organización das Nacións Unidas para a Agricultura e a Alimentación (FAO) considera dietas sostibles aquelas con baixo impacto ambiental e que contribúen á seguridade alimentaria e nutricional, e a unha vida saudable para as xeracións presentes e futuras.

Desde hai tempo, os científicos están preocupados polo impacto ambiental que xeran os nosos hábitos alimentarios en todo o mundo. Desde a fase de produción, ata a de xestión de residuos, pasando polo transporte ou o cociñado, os alimentos van deixando tras de si pegadas que impactan no medio ambiente. De feito, sábese que o sistema alimentario é un dos principais responsables das emisións de gases de efecto invernadoiro.

Unha é a pegada de carbono, é dicir, a cantidade de gases de efecto invernadoiro (GEI) emitidos por efecto directo ou indirecto dun individuo, organización, evento ou produto.

Outra é a pegada hídrica, un indicador ambiental que define o volume total de auga doce utilizado para producir os bens e servizos que habitualmente consumimos.

"A dieta atlántica ten características que son capaces de modular mecanismos epixenéticos, que á súa vez poden promover o envellecemento saudable" 

Cada alimento dos que consumimos deixa pegadas, pero polas súas características naturais e a súa forma de produción, distribución, preparación e refugallos, cada un deixa un maior ou menor impacto.

Pois ben, investigadores das universidades de Santiago de Compostela e Londres presentaron recentemente un estudo no que constatan que a dieta atlántica é unha das mellores opcións tanto para a saúde humana como medioambiental.

O equipo dirixido por Crujeiras destaca que “na dieta atlántica, a etapa de produción é responsable de preto do 78% das emisións totais de gases de efecto invernadoiro, mentres que o resto se atribúe á etapa do fogar e ás actividades de transporte”. “Debido ás distancias de distribución máis curtas dos produtos galegos, están asociados a baixas emisións de gases de efecto invernadoiro”, din.

E proseguen: “A dieta atlántica non só é beneficiosa para a saúde humana, senón tamén para o medio ambiente pola alta inxesta de verduras e peixe en comparación con outros patróns dietéticos, así como pola aposta polo consumo de produtos locais con métodos sinxelos de cociña. Estas son características importantes desta dieta a ter en conta, porque a presenza de contaminantes químicos artificiais no medio ambiente aumentou rapidamente nos últimos setenta anos” e estes poden causar cambios epixenéticos.

DIETA EPIXENÉTICA

Por todo isto, e xa que “os cambios epixenéticos son reversibles, as marcas epixenéticas asociadas aos nutrientes postúlanse como ferramentas atractivas e prometedoras para a prescrición de dietas personalizadas para tratar enfermidades”, expresan.

Xa que a dieta atlántica “ten características que son capaces de modular mecanismos epixenéticos, que á súa vez poden promover o envellecemento saudable mediante o consumo de compostos bioactivos nutricionais, a actividade física, a promoción do benestar psicolóxico e a redución dos disruptores endocrinos”, consideran que este patrón alimentario “pode ser proposto como dieta epixenética”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta