Feijóo aproveita o seu último decreto na Xunta para ampliar as competencias de Ethel Vázquez

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade contará con máis funcións en materia de edificación.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/04/2022 | Actualizada ás 12:44

Comparte esta noticia

O último decreto de Alberto Núñez Feijóo publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) antes de presentar a súa dimisión como presidente da Xunta concreta para o departamento de Infraestruturas e Mobilidade, que dirixe Ethel Vázquez, máis competencias e funcións en materia de edificación, ademais das que lle corresponden en infraestruturas, mobilidade e augas (desta carteira depende o ente público de Augas de Galicia).

Segundo recolle a parte dispositiva deste decreto, acordado este xoves 28 de abril no último Consello da Xunta ordinario que presidiu Feijóo --aínda que non se informou na rolda de prensa posterior--, estas competencias exerceranse "sen prexuízo das competencias específicas nesta materia que corresponden a outros departamentos da Xunta".

Engade o decreto asinado por Feijóo no Diario Oficial de Galicia (DOG) deste 29 de abril, día en que presentou a súa dimisión como xefe do Executivo autonómico, que o exercicio desta competencia "poderá facerse efectiva a través de calquera dos instrumentos de colaboración regulados na Lei 14/2013, de 26 de decembro, de racionalización do sector público autonómico".

O decreto lembra que o Consello na súa reunión do 5 de novembro de 2020 adoptou establecer os criterios para a execución centralizada das obras de infraestrutura viaria e de edificación no ámbito da Comunidade galega, o que indicaba, xa daquela, "a importancia crecente do papel que estaba a asumir" a consellería que dirixe Ethel Vázquez na tramitación de contratos de obras e servizos complementarios, así como o incremento da porcentaxe que este departamento representaba sobre o total da obra tramitada pola Administración autonómica.

INCREMENTO DO PAPEL EXECUTOR

Así, e desde entón (e sobre a base do principio de autoprovisión de bens e servizos dentro do propio sector público), a Consellería Infraestruturas e Mobilidade "consolidou e incrementou ese papel de executor centralizado de obras, tanto civil como de edificación" da administración autonómica.

Ao mesmo tempo, esta especialización na execución centralizada de contratos públicos en materia de infraestruturas, incluídos os edificios administrativos, "lonxe de minorarse, está a incrementarse" coa xestión dos fondos do instrumento de recuperación NextGenerationEU aprobado polo Consello de Europa o 21 de xullo de 2020 e, en especial, os do Mecanismo de recuperación e resiliencia desenvolvido en España mediante o Plan nacional de recuperación, transformación e resiliencia, por parte da Administración xeral da Comunidade Autónoma de Galicia e das súas entidades públicas instrumentais.

Arquivo - Alberto Núñez Feijóo asina o decreto de nomeamento do seu Gobiernto. XUNTA - Arquivo
Arquivo - Alberto Núñez Feijóo asina o decreto de nomeamento do seu Gobiernto. XUNTA - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta