Marea Atlántica pide á Xunta "transparencia" sobre o proxecto da pasarela na Ría do Burgo

A formación coruñesa censurou que "unha infraestrutura desta magnitude" non pode facerse de forma "unilateral" porque se implanta nunha "zona de alto impacto ambiental".

Por E.P. | A CORUÑA | 01/05/2022 | Actualizada ás 12:19

Comparte esta noticia

O grupo municipal da Marea Atlántica rexistrou unha moción para ser debatida no próximo pleno do concello coruñés, este xoves 5 de maio, na que reclamarán á Xunta "maior transparencia e diálogo" sobre o proxecto de construír unha pasarela a través da Ría do Burgo. Nun comunicado, a formación coruñesa censurou que "unha infraestrutura desta magnitude" non pode facerse de forma "unilateral" e incidiu en que require "un consenso estratéxico" porque se implanta nunha "zona de alto impacto ambiental".

Así mesmo, a Marea Atlántica explicou que, segundo os plans do goberno galego, a pasarela construirase sobre unha duna de Santa Cristina, "un ecosistema fráxil e moi escaso no Golfo Ártabro", no que habitan "varias especies ameazadas".

En todo caso, si recoñecen a necesidade de reducir o tráfico na ponte da Pasaxe, e de mellorar a seguridade dos desprazamentos a pé e en bicicleta, pero lamentan que "non debería facerse unha pasarela que non se axusta ao Plan de Ordenación do Litoral" nin á "protección ambiental" que a Xunta lle outorgou á praia de Santa Cristina no decreto 38/2019.

Por estes motivos, a Marea Atlántica insta á Xunta a dialogar cos concellos da Coruña e Oleiros e a abrir un proceso de participación para que a cidadanía tamén poida formar parte da toma de decisións. Ademais, tamén demandan presentar publicamente un estudo coas alternativas á pasarela proposta, tendo en conta o impacto ambiental da obra.

Por outra banda, reclaman á administración autonómica que escoite a proposta do colectivo ciclista Mobi-liza para construír un segundo nivel na ponte da Pasaxe e estude a súa viabilidade.

Praia de Santa Cristina, Concello de Oleiros
Praia de Santa Cristina, Concello de Oleiros | Fonte: Wikipedia

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta