Rueda non descarta unha investigación para saber se se usou o programa Pegasus para espiar a membros da Xunta

O futuro presidente de Galicia avoga por agardar a "coñecer os detalles" da utilización deste sistema contra os teléfonos do presidente Pedro Sánchez e da ministra Margarita Robles.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 02/05/2022 | Actualizada ás 14:30

Comparte esta noticia

O vicepresidente primeiro en funcións da Xunta, Alfonso Rueda, avoga por esperar a "coñecer os detalles" do uso do programa Pegasus denunciado polo Goberno central contra os teléfonos do seu presidente, Pedro Sánchez, e da ministra de Defensa, Margarita Robles, antes de decidir se se inicia ou non unha investigación interna sobre se hai posibles afectados no Executivo galego.

Alfonso Rueda, á súa chegada a un encontro co presidente do Parlamento galego
Alfonso Rueda, á súa chegada a un encontro co presidente do Parlamento galego | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press.

"Acabamos de coñecer algo que nos contaron desde o Goberno central, que nolo contaron hoxe (este luns) sorpresivamente, e por tanto imos coñecer os detalles antes de dicir nada máis", insistiu.

O vicepresidente confirmou que "aínda" non falou respecto diso co presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, quen formalizou o venres a súa renuncia e que este mesmo luns estaba acompañando á presidenta da Comunidade de Madrid, Isabel Díaz Ayuso, nos actos polo 2 de maio.

No entanto, Rueda recoñeceu que pode estar intervido "o teléfono de todo o mundo", en base ao "pouco" que "sorpresivamente" contou o Goberno este luns a través dunha comparecencia da portavoz do Executivo, Isabel Rodríguez, e do ministro de Presidencia, Félix Bolaños.

Feijóo, en calidade de presidente do PP, dixo en Madrid que o feito de que se coñeza agora que os teléfonos de Sánchez e Robles foron infectados polo programa Pegasus é unha "casualidade política non menor" ao producirse en "pleno debate" sobre o caso da presunta espionaxe a dirixentes independentistas e da "estabilidade" do Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta