Os apartamentos turísticos gañan un 40% de viaxeiros e superan os datos prepandemia

A ocupación en cámpings e apartamentos mellorou con respecto a 2019, mentres que as casas rurais aínda rexistran menos persoas que antes da Covid.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/05/2022 | Actualizada ás 11:21

Comparte esta noticia

Os apartamentos turísticos galegos rexistraron durante o mes de marzo un total de 6.127 viaxeiros, un 40 por cento máis que no terceiro mes de 2021 e por encima dos 5.336 usuarios do último marzo prepandemia, o de 2019.

Así o reflicten os datos de ocupación en aloxamentos extrahoteleiros publicados este mércores polo INE e segundo os cales a ocupación en cámpings e apartamentos mellorou con respecto a 2019, mentres que as casas rurais aínda rexistran menos viaxeiros que antes de pandemia.

En concreto, os cámpings galegos aloxaron en marzo a 1.031 viaxeiros, unha cifra inferior aos 1.490 do ano pasado pero por encima dos 666 de marzo de 2019. En canto aos aloxamentos de turismo rural, foron 5.247 os viaxeiros, un 57,6 por cento máis que hai un ano pero aínda por baixo dos 8.268 usuarios de marzo de 2019.

En canto ás pernoctacións, os datos seguen o mesmo patrón. Os cámpings rexistraron 1.908, menos que as 2.763 de hai un ano pero por encima das 1.227 de 2019; mentres que os apartamentos turísticos realizaron 18.523, fronte ás 13.383 de antes de pandemia e aos 12.140 do ano pasado. As casas rurais perderon pernoctacións con respecto a 2019, de 13,728 a 7.747.

En canto á orixe dos viaxeiros, tanto en turismo rural como en apartamentos turísticos, os estatais seguen sendo maioría. En concreto, en marzo, supuxeron o 91,6 por cento dos aloxados en apartamentos e o 87,3 por cento dos usuarios de casas rurais. Pola contra, no cámping gañan os turistas estranxeiros: case o 62% dos aloxados procedían de fóra de España.

Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press
Un grupo de turistas consulta unha carta na terraza dun bar en Santiago de Compostela.. César Arxina - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta