Un fisioterapeuta acusado de agresión sexual a unha paciente nega a falta de consentimento

O procesado enfróntase a máis de 17 anos de prisión e ao pago dunha indemnización mínima de 100.000 euros.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2022 | Actualizada ás 14:42

Comparte esta noticia

Un fisioterapeuta acusado de agredir sexualmente unha paciente nunha clínica de Carballo en outubro de 2020 negou parte dos feitos e admitiu só que houbo tocamentos consentidos. "Eu non teño nada que ocultar", dixo o procesado durante o xuízo celebrado este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña. Tamén se lle imputan dous delitos de abuso sexual.

"Nunca manifestou sentirse incómoda nas sesións nin puxo ningunha queixa", declarou o acusado durante a vista. Respecto dos tocamentos, o procesado explicou que pensou que a paciente "quería iso". Así, sostivo que se detivo cando ela lle dixo que parase. "E aí quedou absolutamente todo", asegurou o home, quen puntualizou que "ela marchou con total normalidade". O fisioterapeuta negou, ademais, que se produciu agresión sexual.

A vítima, pola súa banda, declarou respecto dos tocamentos que "ao momento" lle molestaron. "Non me gustou, pero cando me explicou que o fixo sen mala intención eu crino". A muller asegurou que o fisioterapeuta lle dixo que "lle contase as súas cousas coma se fose o seu psiquiatra" e por este motivo ela "confiaba nel". "Como un médico che vai facer esas cousas?", apostilou en varias ocasións.

CLÍNICA EN CARBALLO

Segundo recolle o escrito de cualificación do Ministerio Fiscal o procesado foi contratado por unha clínica en Carballo onde exerceu como fisioterapeuta desde maio de 2020. Alí coñeceu á vítima, tras un accidente de tráfico da muller que requiriu tratamento.

Nas primeiras sesións, en outubro, segundo Fiscalía, non se produciu ningún incidente. Con posterioridade, noutra cita cando a muller se atopaba de costas sobre a padiola de masaxe, asegura que o acusado "nun momento determinado, con ánimo de satisfacer os seus desexos" lle realizou tocamentos, respondendo, ante as queixas dela, que fora "sen querer".

A pesar do seu malestar co sucedido, a paciente acudiu ás sesións onde houbo outros tocamentos, argumentando el que era parte do tratamento. Noutro momento das sesións, consumou a agresión sexual, a pesar da oposición dela, relata Fiscalía. A vítima, que presentaba problemas emocionais polo falecemento dun fillo, non chegou a contar nada ao seu marido ata que se produciron estes últimos feitos e presentou denuncia.

CONDENAS

Por estes feitos, segundo recolle o escrito de cualificación fiscal, o Ministerio Público pide unha pena de 11 anos de prisión polo delito de agresión sexual e tres anos de cárcere por cada un dos dous de abusos, ademais do pago dunha indemnización de 100.000 euros por "dano moral".

A acusación particular, pola súa banda, solicita en total 21 anos de privación de liberdade e o pago de 350.000 euros. En canto á defensa, afirma que o seu cliente é inocente e pide a absolución.

Un fisioterapeuta acusado de agredir sexualmente a unha paciente nunha clínica de Carballo (A Coruña) en outubro de 2020 declarou este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña
Un fisioterapeuta acusado de agredir sexualmente a unha paciente nunha clínica de Carballo (A Coruña) en outubro de 2020 declarou este xoves na sección segunda da Audiencia Provincial da Coruña | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta