A sanidade de Feijóo: Galicia derivou á privada máis de 117.000 cirurxías e 300.000 probas nos últimos cinco anos

O volume total desta actividade durante este período superou os 16 millóns de actuacións.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2022 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

Galicia derivou á privada máis de 117.000 cirurxías e 300.000 probas diagnósticas no últimos cinco anos, unhas cifras que supoñen, de modo global, en torno ao 2,6% dos pacientes asistidos polo Servizo Galego de Saúde neste período.

Así o explicou este xoves o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, durante unha comparecencia na Comisión de Sanidade do Parlamento para responder a unha pregunta formulada polo BNG sobre a actividade concertada deste organismo e as listas de espera non estruturais.

Na súa resposta, Aboal explicou que o Sergas derivou á privada, entre 2017 e 2021, o 2,6% dos seus pacientes tanto de cirurxía como de probas diagnósticas. O volume total desta actividade durante este período superou os 16 millóns de actuacións.

Máis en concreto, por tipoloxía, deriváronse o 10% das algo máis de 1.173.000 cirurxías e o 2% das máis de 15.000.000 de probas diagnósticas realizadas, o que supón algo máis de 117.000 e algo máis de 300.000, respectivamente. No entanto, Jorge Aboal comparou a situación actual coa do Goberno bipartito PSdeG-BNG, cando se derivaron o 15,1% das intervencións, "un 50% máis que a derivación do período actual".

Por áreas, en cirurxía, a que máis derivou foi Ferrol, un 28%, seguida de Ourense, cun 14%, A Coruña, cun 12%; Lugo, cun 10%, Santiago, cun 7%, Vigo, cun 6%, e Pontevedra, cun 4%. En canto ás probas diagnósticas, a área sanitaria que máis derivou foi tamén a de Ferrol, cun 4,5%, seguida de Lugo e Ourense, cun 3,3%, Santiago, cun 1,9%, A Coruña, cun 1,3%, e Pontevedra e Vigo, cun 0,5%.

Segundo informou Jorge Aboal, o Sergas dedicou á contratación de servizos concertados coa privada un 1,56% do seu orzamento xeral, e o montante mantívose todos os anos por baixo do 1,7%. Por áreas sanitarias, a que máis porcentaxe do seu orzamento dedicou foi a de Ferrol, cun 4%, seguida da da Coruña, cun 3,5%, e a de Lugo, cun 1,3%. A área de Ourense destinou un 1,1% e as de Santiago, Pontevedra e Vigo un 0,9%.

LISTAS DE ESPERA NON ESTRUTURAIS

En canto ás listas de espera non estruturais, Jorge Aboal explicou que "a súa espera non é atribuíble á organización dos recursos dispoñibles", se non a decisións médicas ou do paciente.

En concreto, a 31 de decembro de 2021, o 5,6% dos pacientes estaban en lista de espera non estrutural por espera médica, o 3,6% porque pospuxeran voluntariamente a súa intervención e o 14,5% porque rexeitaran a súa derivación á privada.

Cirurxía cerebral nun quirófano
Cirurxía cerebral nun quirófano

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Anxo

Que me explique como un paciente tiene que esperar un año para que lo vean en la unidad del dolor, o tres meses para hacer una RM y lo que podria seguir