O "testamento político" de Feijóo en Galicia: "orgulloso" da educación, da sanidade e da súa independencia

Feijóo promete "non defraudar a Galicia" e salienta a valía do seu Goberno sen máis pautas a Rueda: "Acertará".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2022 | Actualizada ás 17:40

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta en funcións e líder do PP, Alberto Núñez Feijóo, dirixiu este xoves a súa última reunión do Executivo autonómico e despediuse cunha mensaxe: se chega á Moncloa e ten "responsabilidades" que lle permitan tomar decisións, "non vai defraudar" a Galicia.

Así o trasladou na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta, no que se autorizaron os cesamentos de duas das súas colaboradoras máis próximas, a ata agora secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez; e a súa directora de Gabinete, Marta Varela, que lle acompañarán no seu salto á política nacional á fronte do PP.

O líder do PP e presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sae tras o seu último Consello da Xunta.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
O líder do PP e presidente en funcións da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, sae tras o seu último Consello da Xunta.. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Ademais, aproveitou para facer balance e, no apartado de logros, esgrimiu que non tivo "máis compromiso" nin outro "interese" ou "hipoteca" que defender a Galicia. De feito, proclamou que do que está "máis orgulloso" é de manter o seu "criterio de independencia" sen "interferencias" que lle impediron "servir a Galicia incondicionalmente".

"E Galicia é unha das comunidades máis cordiais de España e ten a sociedade menos fracturada de todas as comunidades con nacionalismos no Parlamento", engadiu, satisfeito por iso e antes de declarar que tamén se atopa "moi orgulloso" dos datos educativos e sanitarios da Comunidade.

A continuación, reivindicou que Galicia "mantivo blindada a súa autonomía política e financeira" en duros contextos económicos, e mellorou a súa converxencia en renda per cápita mentres se situaba entre as autonomías con "menor" incremento da débeda pública.Así as cousas e, pese "á situación sombría que padece a economía española no seu conxunto", proclamou que considera que se vai "no mellor momento político", coas "mellores cotas de benestar e as mellores expectativas económicas".

"NON VOU A DEFRAUDAR A GALICIA"

"Eu non vin dividir a ninguén, senón a gobernar para todos, aos que non me votaron e, por suposto, aos que me votaron, a quen agradezo a confianza", continuou o mandatario galego en funcións, quen tamén admitiu "equivocacións": ás veces "por non ter a información adecuada" e outras "a cintura para cambiar de opinión".

E dito isto, reivindicou a súa condición de galego, antes de comprometer que, se está na súa man volver ter responsabilidades de goberno, seguirá respondendo as necesidades de Galicia: "Non vou defraudar a Galicia, non o fixen en todo este tempo e non o vou a facer no futuro". "Tras este testamento vital, despídome ata sempre ou ata logo, ata que vostedes queiran. Nada máis e moitas grazas", resolveu.

RUEDA

Preguntado acerca de se desexaba deixarlle algún consello ou recomendación a Alfonso Rueda e se desexaría seguir vendo aos que a día de hoxe son os seus conselleiros como membros do novo Goberno autonómico nas súas visitas a Galicia. "Ao presidente tócalle tomar as súas decisións en relación cos seus equipos e sería absolutamente impropio suplantalo", esgrimiu, antes de suliñar que leva "tanto tempo" como el no Executivo autonómico, polo que é coñecedor de como traballan os seus integrantes. "Seguro que ten unha opinión fundada", esgrimiu.

"Estou convencido de que acertará porque ten moitísima información, formación e experiencia de Goberno", subliñou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta