A rapazada galega alza a voz contra as noticias falsas e o racismo

Alumnado de secundaria de Boiro, Brión, Bueu, Silleda e Viana do Bolo crean en Silleda microvídeos nos que advirten do impacto que teñen o bulos e o racismo en medios e redes na adolescencia.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/05/2022 | Actualizada ás 20:00

Comparte esta noticia

Un cento de estudantes de Secundaria de toda Galicia denunciaron este xoves en Silleda o impacto que teñen as noticias falsas e o racismo presente nos medios e nas redes na sociedade e, moi especialmente, na rapazada. Fixérono nun encontro intercentros ou hackathon incluído no proxecto EpDLab.

Alumnado galego nun encontro intercentros ou hackathon incluído no proxecto EpDLab
Alumnado galego nun encontro intercentros ou hackathon incluído no proxecto EpDLab | Fonte: Agareso

Para combater esta problemática, a rapazada elaborou unha serie de microvídeos nos que se dirixe principalmente a adolescentes, pero tamén ás persoas adultas, para advertir que "todas e todos podemos ter actitudes racistas sen nos decatar"; que "debemos contrastar as informacións que recibimos, especialmente, a través das redes sociais"; e que "os bulos e o discurso do odio vai sempre en contra da xente máis vulnerable".

 

A rapazada participante no hackathon quixo trasladar así a necesidade de coidar a actitude e de evitar o emprego de estereotipos, desmentir bulos e denunciar os contidos racistas que aparecen diariamente nas redes sociais. "A clave para conseguir un entorno dixital máis diverso, igualitario e inclusivo", indican, "é ter máis empatía e reivindicar que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos".

 

Un hackathon é un evento no que nun breve espazo de tempo un grupo de persoas de forma colaborativa intentan crear prototipos ou solucións para unha problemática. O celebrado este xoves en Silleda tratouse dunha xornada intensiva de traballo creativo conxunto na que participou todo o alumnado vinculado este curso ao EpdLab, un proxecto de innovación educativa que vén desenvolvendo a Asociación Galega de Comunicación Social (Agareso) dende 2015 en centros de toda Galicia.

 

A través del trabállanse co alumnado diversas temáticas como o sexismo, as migracións, o medio ambiente, o consumo responsable, a veracidade das mensaxes e as fake news, a cooperación internacional, o voluntariado e o activismo a través de ferramentas da comunicación dixital como os memes, os gifs, o stop motion, os microvídeos dende o móbil ou a contrapublicidade.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta