33 millóns de euros para limpar máis de 58.000 hectáreas este ano para previr incendios

Ten previsto asinar 260 acordos con entidades locais para actuacións preventivas

Por E.P. | Santiago de Compostela | 05/05/2022 | Actualizada ás 18:51

Comparte esta noticia

A Xunta destinará 33,1 millóns de euros para limpar 58.600 hectáreas este ano co fin de previr incendios, de maneira que prevé actuar en case 5.800 quilómetros. Deste xeito, a dotación económica increméntase un 13% respecto dos 30 millóns do ano anterior. Aínda que a cifra de hectáreas é similar, a cantidade de quilómetros en vías e pistas nos que se actuará aumentará nun 16%.

Incendio forestal
Incendio forestal | Fonte: POR UN MONTE GALEGO CON FUTURO.

Ademais, tamén se construirán 111 novos puntos de auga e melloraranse os 4.750 existentes. Isto suporá alcanzar un total de 4.861.

Diso informou o presidente do Goberno galego saínte, Alberto Núñez Feijóo, tras o Consello da Xunta. Este plan estará vixente ata que entre en vigor o de 2023. Así, a iniciativa estrutúrase en dous grandes bloques. Por unha banda, está a vixilancia do cumprimento das obrigas de xestión de biomasa en franxas primarias --estradas e vías férreas--, secundarias --as máis próximas a vivendas-- e terciarias --camiños e pistas--. Por outra banda, haberá campañas de sensiblización para a cidadanía e o desenvolvemento do centro integral de loita contra o lume de Toén.

Ademais, a Xunta ten previsto tramitar máis de 260 acordos con entidades locais para labores preventivos. O plan de prevención integrarase no de extinción (Pladiga) de 2022, que se aprobará antes da campaña de alto risco comece en xullo.

AGRUPACIÓNS FORESTAIS

Ademais, a Xunta abriu a tramitación electrónica para alcanzar as 100 agrupacións forestais de xestión conxunta e os 25.000 silvicultores activos en 2025.

O Consello coñeceu o informe da Consellería de Medio Rural sobre a nova orde pola que se regulará o recoñecemento e inscrición nos pertinente rexistros destas dúas figuras, que sairá publicada no Diario Oficial de Galicia proximamente.

FORMACIÓN

Por outra banda, o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, recibiu este xoves aos membros da nova xunta directiva da delegación en Galicia da Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), entidade dedicada á formación e prevención a nivel nacional en materia de prevención de riscos no ámbito das emerxencias.

En Galicia forman parte desta organización representantes dos servizos de emerxencias da Xunta e dos concellos.

Sobre ela, Santiago Villanueva destacou a importancia da formación continua nun ámbito "tan importante" como as emerxencias con actividades como as que anualmente organiza APTB, así como os plans de formación continua semestrais que a Xunta imparte desde a Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP).

Para este ano a academia prevé 214 cursos de 1.520 prazas destinados a membros de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) e aos Grupos de Emerxencias Supramunicipais (GES), aos profesionais de emerxencias e en materia de socorrismo.

Algúns dos módulos céntranse no manexo de equipos ou no apoio necesario en intervencións como os incendios, a procura de persoas desaparecidas, rescates ou accidentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta