A concesionaria de buses urbanos de Ourense desconvoca a reunión cos traballadores, aos que acusa de sabotaxes

Acúsaos de roturas de lúas, pneumáticos e matrículas de vehículos.

Por Europa Press / Redacción | Ourense | 05/05/2022 | Actualizada ás 20:31

Comparte esta noticia

A empresa concesionaria do bus urbano en Ourense, Urbanos de Ourense, desconvocou a reunión prevista para este venres, 6 de maio, cos representantes dos traballadores por sabotaxes das que responsabiliza aos folguistas.

Autobús urbano do concello de Ourense
Autobús urbano do concello de Ourense | Fonte: Concello de Ourense.

O Concello de Ourense explica que, esta tarde de xoves, Urbanos de Ourense comunicou ao alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, que non haberá esa reunión debido a que "non se cumpre a condición fixada para manter esa reunión", pois "seguen producíndose actos de sabotaxe á frota do servizo municipal, con roturas de lúas, pneumáticos e matrículas de vehículos".

Respecto diso, CC.OO. emitiu un comunicado no que critica que a concesionaria desconvoque de forma "unilateral" ese encontro e "unha vez máis negue a posibilidade de chegar á resolución do conflito".

O sindicato carga contra as "tácticas dilatorias do Grupo Avanza que levaron a esta folga indefinida tras máis de 30 meses de negociación, adiamentos reiterados de reunións, desculpas varias, atrasos sistemáticos".

"Ao parecer, os motivos alegados agora son as continuas avarías das que fai responsable aos traballadores nun exercicio de falsidade no que caeu o propio Concello, que onte falaba de sabotaxes. Ao mesmo tempo un vehículo que cubría servizos mínimos era denunciado e retirado da vía pública por carecer de ITV, outro era retirado por ter unha lúa rota (desde hai meses) e outro máis se averiaba en Outariz deixando un charco de aceite na segunda viaxe que realizaba", apunta CC.OO.

As partes emprázanse agora á mediación a partir da semana que vén por parte da Xunta de face a buscar unha solución que permita pór fin á folga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta