"O xogo afundiume en débedas, illoume do mundo; agora quero recuperarme a min mesma"

María creou unha adicción ao bingo coa que conviviu durante dez anos. A dela é unha historia de estigma como muller e como xogadora, pero tamén de resiliencia para saír do labirinto da ludomanía.

Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

A primeira vez que María entrou no bingo non imaxinou que aquel lugar había marcar tanto a súa vida. "Fun cunhas amigas tomar un café e xogamos 20 euros cada unha, por probar. Gustoume, e a partir dese día...". Así comeza o seu relato de adicción ao xogo, un proceso lento, pero constante, que insconscintemente escapa de control. "Eu penso que é algo que levas dentro", reflexiona María, unha muller de 56 anos. "Ao comezo xogas moi pouquiño, pero vaite enganchando ata que te consome: nos últimos tempos ía ao bingo cando abría e marchaba cando pechaba. Aquela cadeira parecía que tiña un imán". 

Bingo. GAD3 - Arquivo
Bingo. GAD3 - Arquivo

A ludomanía é a adicción patolóxica aos xogos de azar. Calcúlase que afecta ao 2% da poboación adulta e adolescente. Se ben no imaxinario popular o ludómano é un home branco e de mediana idade que acaba co diñeiro nos comecartos, a chegada do xogo online e a proliferación das casas de apostas nos barrios resignificou o perfil de persoa adicta ao xogo, que cada vez é máis nova. Estudos recentes sinalan que un 30% da mocidade entre 14 e 17 recoñece que apostou algunha vez. Tamén nos últimos anos aumenta o número de mulleres xogadoras, se ben queda lonxe das cifras alcanzadas polos homes. 

UN DOBRE ESTIGMA

No caso delas, o estigma asociado ao xogo patolóxico conflúe coa discriminación pola súa condición de muller. Unha dobre carga que fai que vivan a enfermidade con maior culpabilidade e vergoña, e que adíen en maior medida a procura de axuda. "Eu notábao no propio bingo", di María. "O xogo nun home está ben visto. Ti alí vías matrimonios, homes sós... E non pasaba nada. Pero eu, unha muller soa, non era vista da mesma maneira. Notas miradas...". O 'que fai unha muller aquí soa?' rondaba a cabeza de moita da clientela. 

O sentimento de culpa, explica, foi unha lousa que sempre cargou e da que aínda non foi quen de desprenderse. Na súa cabeza están gravadas a lume dúas datas: un 24 de novembro de 2021 en que saíu por última vez do bingo e un 10 de xaneiro deste mesmo ano en que iniciou o seu proceso de rehabilitación da man da Asociación de Jugadores Anónimos de Galicia (AGAJA). Ata ese momento, o xogo impactou en todas as facetas da súa vida durante dez anos. "É como unha trampa, sempre queres máis e máis, sobre todo dende ese día en que gañas moito diñeiro", explica. 

TOCAR FONDO

Pero non é máis ca unha ilusión. "O xogo afundiume, non só economicamente senón tamén familiarmente. Empezas a illarte, non queres que ninguén saiba a onde vas... E vólveste unha mentireira compulsiva con todo o teu entorno. Non sendo dous ou tres, todos os meus amigos perdinos", conta María. Ela comezou gastando o seu propio diñeiro, pero cando non lle quedou máis, decidiu recurrir á súa nai. "Ela dábame os cartos para pagarlle a comunidade, pero eu estiven dous anos usando ese diñeiro no bingo. Metina nunha débeda de 12.000 euros". 

Aí tocou fondo. "Nese momento en que estás xogando só pensas niso: en ter cartos e gastalos. Se alguén te descobre un pouco, atacas, poste á defensiva. Non es consciente do alcance do problema; pero cando as mentiras xa non cadran, cando a túa familia te ve con cadros de ansiedade, non che queda outra que poñer as cartas boca arriba e dar a cara", relata María. "Toco madeira por non chegar a roubar ou a pedir créditos no banco". 

Segundo ela, foi "sorte" ter sido descuberta pola súa familia. "Faleino co fillo, con miña irmá, o meu entorno axúdame e compréndeme", explica. Mais tamén bateu coa incomprensión de quen non entende a ludomanía como unha doenza mental. "Son tachada de viciosa, e iso confúndete moito cando estás fóra de control, cun sentimento de culpa terrible. Tamén é unha aprendizaxe entender que eu fixen o que fixen porque estaba enferma, non porque quixera facelo".

VOLVER NACER

A primeira vez que se achegou a AGAJA pedir axuda fíxoo soa. "Chegas afundida, coa estima polo chan, sen poder parar de chorar... Pero o día en que empezas a terapia é un día en que volves nacer", relata. Hoxe, logo duns catro meses en tratamento, non se lle pasa pola cabeza volver pisar aquel bingo, mais tamén é consciente de que a posibilidade da recaída sempre está aí. "O xogo afundiume en débedas, illoume do mundo, pero agora sinto necesidade de volver ser a persoa que era antes do xogo, quero recuperarme a min mesma, coidarme. Xa empezo a pintarme un pouco, a reflexionar ata onde quero chegar. Todo pasiño a pasiño, día a día, sen poñer metas longas nin pensar demasiado no mañá". 

Deste proceso, di, está reaprendendo a ser máis asertiva, a tratar de buscar os seus propios desexos sen danar os demais. "O máis importante é desprenderte das mochilas que pesan e que levas enriba túa, crer en ti e comprender que tes unha enfermidade. Trato de canalizar a culpa, de entender que quen ten cancro non pide perdón", explica. María ten por diante, previsiblemente, algo menos de dous anos de curación. Polo momento, non é dona de diñeiro ningún, un dos requisitos do proceso de terapia, pero ten entre mans algo moito máis importante: atopar á María que era ela antes do xogo.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta