Mariano Rajoy asegura que o Goberno central "xa non se sostén"

Prognostica unha "boa etapa" para o PP con Feijóo á fronte e enxalza a Rueda.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 07/05/2022 | Actualizada ás 15:54

Comparte esta noticia

O expresidente do Goberno Mariano Rajoy criticou este sábado que o Goberno sexa "unha gaiola de grilos" que "só é capaz de xerar división e crear problemas", e que "novamente van deixar a economía afundida", dixo.

Mariano Rajoy vota no congreso do PP local de Pontevedra
Mariano Rajoy vota no congreso do PP local de Pontevedra | Fonte: Bea Císcar - Europa Press.

Na celebración do XIII Congreso do PP local de Pontevedra, Rajoy censurou que o PSOE se convertese nun "partido bisagra", mentres o PP, asegurou, "non é muleta nin bisagra de nada". Neste sentido, reiterou que o Partido Popular é "un partido de goberno e o único que é alternativa de verdade".

Así, subliñou que comeza "unha boa etapa" para o PP a nivel de España coa chegada de Alberto Núñez Feijóo á presidencia do partido. "Nós somos un partido de goberno con historia, tradición e con apoios. Somos o PP e isto non é ningunha broma", apostilou.

En todo caso, Rajoy insistiu en que non ía analizar a situación política e económica ou a falar do Goberno de España. "A min tócame facer o que me apetece, que é o que vou facer", sinalou entre risas das persoas presentes no acto.

Nesta mesma liña, instou "a outros" a falar do Goberno e da política económica de Pedro Sánchez e da "linguaxe de 'todas, todes, todos', cuxa última versión é 'autoridades e autoridadas'" de todo iso, engadiu, "que falen os que veñen detrás de min, que eu non teño nada que dicir".

Así mesmo, aproveitou para enxalzar a figura do presidente do PP provincial de Pontevedra, Alfonso Rueda, que o vindeiro sábado será investido presidente da Xunta de Galicia: "Coñece a todos, ten experiencia na administración e estou absolutamente convencido de que será un gran presidente e todos imos estar moi orgullosos", concluíu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta