Pontón: "Para o PP, Galicia é un slogan electoral, usa o país de maneira fraudulenta"

"O PP non convoca eleccións porque sabe que o BNG vai gañar", advirte a portavoz nacional.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 13:49

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, afeou que o aínda presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, vaia ser designado pola Cámara galega como senador autonómico, un cargo que está destinado a "defender a Galicia", e un asunto que será motivo de reproche no pleno de investidura que arrinca este martes.

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns, en vésperas do arranque do debate de investidura de Alfonso Rueda
A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, en rolda de prensa este luns, en vésperas do arranque do debate de investidura de Alfonso Rueda | Fonte: Europa Press

"Está claro que para o Partido Popular, Galicia é un slogan electoral e non só, senón que utilizan este país dunha maneira fraudulenta. Hoxe estamos a ver unha falta de respecto máis aos galegos, vemos como desde o punto de vista institucional, ao que di o Estatuto de autonomía, o que está a facer o PP e Feijóo é claramente un uso basto e partidista do Parlamento de Galicia no Senado", remarcou.

Para Pontón, esta situación "demostra ata que punto Feijóo e o PP usan Galicia para os seus intereses persoais, partidistas. Galicia non está para aforrarlle dous salarios ao PP nin para darlle un altofalante e inmunidade ao señor Feijóo" Na súa intervención, Pontón manifestou que "estamos ante o PP do non, que representa unha Galicia do pasado". "Dicirlle non a Galicia ten consecuencias, unha Galicia máis pequena e en peores condicións da que se atopou en 2009", apuntou.

"DATOS DO DESASTRE"

Para Pontón, "os datos son a mellor maneira de demostrar esta afirmación son os datos, que deixan claro o desastre de goberno do PP do non". Así, puxo encima da mesa que desde 2009, a poboación galega "caeu un 4 por cento", algo sobre todo que afecta á xente nova.

Ademais, lamentou que "hai menos servizos públicos", co "peche de 925 camas hospitalarias" e "por primeira vez na historia hai lista de espera para poder acudir ao médico de cabeceira nunha atención primaria colapsada"; mentres o "85 por cento das prazas de residencia son privadas ou de xestión privada, convertendo a vellez nun negocio á conta do estado de benestar das persoas" e "hai menos educación pública, co peche de 138 centros de ensino" con menos profesorado e un 5 por cento máis na educación privada.

Pontón puxo o acento, ademais, nun "dato especialmente grave", que Galicia ten a segunda taxa de suicidios máis alta de todo o Estado, mentres unhas 7.000 persoas esperan por unha consulta de saúde mental.

A portavoz nacional sinalou que, desde o punto de vista económico, hai "menos emprego, a ocupación ocupada entre 16 e 29 anos diminuíu en 100.300 persoas, practicamente a metade" das que había en 2009. Tamén hai "menos poboación activa e menos poboación ocupada e menos afiliados á Seguridade Social", afirmou, antes de advertir que o paro "afecta máis as mulleres, que ten unha brecha salarial do 19 por cento".

Outra das cifras achegadas na "Galicia do PP do non" son as 600.000 persoas en risco de pobreza, coa porcentaxe pensionistas en situación de pobreza extrema máis alto do Estado.

"NON CONVOCA PORQUE O BNG VAI GAÑAR"

Pontón manifestou que no debate de investidura de Rueda, a formación nacionalista vai presentar "unha alternativa de goberno, convencidos de que empezou a conta atrás para o cambio galego" e de que o PP "é o pasado e o BNG é o futuro".

"Sabémolo nós, a cidadanía galega e tamén o sabe o PP. De feito, se hoxe non convoca eleccións, é porque sabe que as perdería e que o BNG representa a alternativa de futuro, que ten un proxecto para o país e para poñer en marcha un proxecto que aspiramos a liderar desde a humildade, o traballo e desde a ambición e, sobre todo, traballando man a man co conxunto da cidadanía galega", proclamou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Riolo

Anita, falas do PP ou do BNG? Ah non, que vos falades de Galiza.