A CRTVG retransmitirá de forma íntegra o debate de investidura de Rueda e a toma de posesión

Tamén se poderá seguir en directo os tres días a través da web g24.gal e as redes sociais.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/05/2022 | Actualizada ás 16:42

Comparte esta noticia

Os medios públicos galegos ofrecerán esta semana, de forma íntegra, o pleno de investidura do candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, que terminará o xoves cos grupos da oposición, as respostas do dirixente popular e a votación do novo presidente. Tamén retransmitirá o acto de toma de posesión, previsto para o sábado.

Así, este martes, a partir das 9,30 horas, arrincará un especial informativo para transmitir o discurso inicial do candidato, que será narrado polos cronistas parlamentarios Jesús Fontenla, para a TVG, e Carmen Lourido, para a Radio Galega. A continuación, desde o estudo da TVG, Fran López Iglesias dará paso ás intervencións dos portavoces parlamentarios, ante de moderar unha mesa de análise.

O xoves 12 de maio, os medios públicos retransmitirán a sesión plenaria dos grupos para expresar o seu voto e a resposta do candidato á Presidencia, xunto coa segunda volta.

TOMA POSESIÓN

Xa o sábado 14, a TVG e a Radio Galega (ás 12,00 horas) ofrecerán en directo a toma de posesión do presidente da Xunta, o cal comezará coa intervención do xefe do Lexislativo, Miguel Santalices, para dar lectura ao decreto de nomeamento.

A continuación, terá lugar o xuramento ou promesa do cargo por parte de Rueda e finalizará coa proclamación do sexto presidente da autonomía. Ademais da retransmisión polas canles tradicionais, tamén se poderá seguir en directo os tres días a través da web g24.gal e as redes sociais da CRTVG, que tamén ofrecerán minuto a minuto pezas co máis destacado.

Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo
Redacción da CRTVG, en San Marcos. CRTVG- Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta