Investidura: Pontón di que "comezou a conta atrás" para ser a próxima presidenta

Critica o discurso "autocompracente" de Rueda e denuncia que non ten propopostas en materia social, sanitaria ou económica. "O PP non convocou eleccións porque sabe que as perdería", incidiu.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 11:50

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, presentouse como a "alternativa" nas próximas eleccións autonómicas e como "presidenta coas mans libres" para "defender os intereses" dos galegos. "Empezou a conta atrás para un cambio de goberno, que desde o BNG aspiramos a liderar, desde a humildade, confianza nos galegos e nas posibilidades inmensas que ten este país", proclamou.

A portavoz do BNG, Ana Pontón, á súa chegada á Cámara galega
A portavoz do BNG, Ana Pontón, á súa chegada á Cámara galega | Fonte: Álvaro Ballesteros - Europa Press

Na súa primeira valoración tras a intervención do candidato á Presidencia, Pontón observou "un discurso autocompracente, desapegado dos problemas e sen idea de futuro, que representa o pasado e ata isto se notaba nas bancadas do PP, en que había de todo menos entusiasmo".

Fronte a iso, a dirixente do Bloque, que tendeu a man a todos aqueles que leven a Galicia "na cabeza e corazón", situou "un BNG que representa unha alternativa, que sabe que este país pode saír adiante, pero necesita outras ideas" para, entre outras cuestións, para "superar a maior crise de prezos". Pontón, que intervirá o vindeiro xoves na quenda de grupos parlamentarios, apuntou que alí debullará as alternativas dun goberno presidido por ela, como un plan de 200 millóns de euros para a atención primaria.

"CONTA ATRÁS"

"Quedou máis claro que nunca que empezou a conta atrás para o cambio galego, o PP é cada vez máis pasado e o BNG, máis futuro", proclamou Pontón, quen salientou que "empezou a conta atrás para pór en marcha un cambio liderado polo BNG e que por primeira vez teña (Galicia) unha presidenta con mans libres para defender os intereses dos galegos".

A líder nacionalista puxo o acento en que "empeoraron as condicións de vida" dos galegos desde 2009 e que "claramente" hai unha "Galicia máis pequena". "E fronte a esa Galicia máis pequena, desde o BNG pensa un país en grande, un país mellor para todos", contrapuxo, para erixir á formación nacionalista na formación para "todas as persoas que se indignan cando chegan ao centro de saúde e sofren os recortes da sanidade" e "se lles rompe algo por dentro" ao ver que tardan 15 días en contar cunha cita para o seu médico de atención primaria.

Pontón, que tamén afeou que en 13 anos de goberno de Feijóo non se construíu "nin unha residencia pública", subliñou que o BNG é "a alternativa para as mulleres que están cansas de que a maternidade as discrimine, que a conciliación é unha carreira de obstáculos" e que cobren menos "polo simple feito de ser mulleres".

"Somos a alternativa para construír un país mellor, que sabe que ten todo por gañar desde a confianza en nós mesmos. O BNG é a alternativa porque o PP representa o pasado: fronte á resignación, nós ilusión e confianza 100 por cen neste país".

ELECCIÓNS

No seu discurso, non pasou por alto tampouco que un BNG no Goberno significaría falar dos "privilexios" das eléctricas, que "están a especular cun ben básico". Así, o Bloque "defendería unha compañía pública e unha tarifa eléctrica" propia.

Ademais, o BNG ofrece á mocidade políticas para "un emprego de calidade, retención do talento e que a vivenda non sexa un ben especulativo, senón un dereito que hai que preservar". Pontón concluíu que o PP "decidiu non convocar eleccións", porque "sabe que as perdería", pero advertiu de que "non tardará moito" en chegar "esa cita inevitable". "Estou convencida de que deixa atrás a política de branco e negro e abriranse as portas á esperanza e ilusión" e a un Galicia "de cores".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta