Baltar, sobre a supresión das deputacións: "agora que hai coalicións PSOE-BNG deixou de ser interesante"

O presidente da Deputación de Ourense reivindica o papel dos entes provinciais.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/05/2022 | Actualizada ás 13:08

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, reivindicou o "protagonismo" das deputacións e manifestou que a súa supresión non forma parte do "escenario actual". Así o expuxo durante a súa intervención no Foro Económico Español 'A Galicia que vén' no que demandou tamén financiamento para os concellos.

"A administración local é moito máis operativa e ten un déficit en canto a financiamento", sinalou Baltar, quen asegurou que o organismo provincial ourensán vai "da man" cos municipios nesta cuestión. Mentres, preguntado polos que propugnan a desaparición das deputacións, considerou que "non existe" tal debate. "Non forma parte do escenario actual", engadiu vinculando este posicionamento co intento de "acabar" cos presidentes das deputacións que eran do PP.

"Agora como hai coalicións PSOE-BNG deixou de ser interesante", apostilou en referencia ás demais deputacións provinciais galegas. Ao fío diso, cuestionou que un alcalde poida ser presidente da Deputación. "En Galicia temos dous e outra que é tenente de alcalde dunha gran cidade", lembrou.

Neste foro, e xa sobre a xestión dos recursos, apelou á cooperación, mentres que en materia de turismo destacou as actuacións promovidas pola Deputación de Ourense para dar a coñecer os recursos desta provincia. En particular, resaltou a "aposta" por convertela "en estudio" como escenario de rodaxes.

Preguntado polos fondos europeos, remarcou que a Deputación de Ourense traballa nunha "estratexia" con 17 proxectos "transformadores da provincia". "As deputacións son un elemento chave", engadiu, en referencia ás actuacións posibles, en relación sobre todo cos concellos máis pequenos.

O presidente provincial do PP, Manuel Baltar.
O presidente provincial do PP, Manuel Baltar. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta