Antigos afiliados do PP crean un novo partido local en Santiago

Chámase 'Por e para Santiago'.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 10/05/2022 | Actualizada ás 18:40

Comparte esta noticia

Un novo partido político, 'Por e para Santiago', está a ser impulsado en Santiago de Compostela de cara ás eleccións municipais que se celebrarán en maio de 2023, con antigos afiliados do PP. A formación defínese como un partido político de "mulleres e homes independentes de Santiago de Compostela", "profundamente comprometidos coa situación actual", para atender as preocupacións dos veciños e buscar solucións aos seus problemas.

Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago
Pazo de Raxoi, sede do Concello de Santiago | Fonte: EUROPA PRESS.

Así mesmo, sinala que 'Por e Para Santiago' nace como un "partido moderado, de amplo espectro" onde "toda a veciñanza e ideoloxías teñen cabida", agás as "posturas extremistas" que "imposibilitarían a convivencia".

"Nunca hai que perder a perspectiva que deu orixe a este partido: Santiago de Compostela e a súa xestión, na procura do benestar dos seus veciños, tanto da zona urbana como do rural e a reivindicación real da Capitalidade de Santiago de Compostela", apunta.

Entre os seus promotores figura o presidente da Asociación Vista Alegre, David Ríos, quen foi afiliado do Partido Popular, do mesmo xeito que Ángel Jiménez, Ramón Fandiño e Juan Carlos Rodríguez.

O proxecto político aspira a "ser un referente" no concello, para promover a participación activa e real da veciñanza de Santiago nas institucións representativas de carácter político. "Por iso, preténdese que a veciñanza comprometida con Santiago, ademais de ter voz na sociedade municipal a través das súas distintas asociacións, teñan voto nos seus órganos de goberno, sen estar suxeitos a disciplinas ou intereses de partidos de ámbito supramunicipal", apunta.

A formación avanza que nos próximos días reunirán ao seu comité executivo para a elección dos cargos da xunta directiva.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta