A crise de prezos golpea a construción, que cae case un 5% en Santiago

Os arquitectos apuntan ao encarecemento dos combustibles e a carestía de materias primas pola "freada".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2022 | Actualizada ás 12:33

Comparte esta noticia

O Colexio oficial de Arquitectura Técnica da Coruña (COATAC) presentou o informe do primeiro trimestre de 2022 que mostra unha caída do 4,79% dos expedientes de obras visados. O primeiro trimestre de 2022 contabilizou 159 expedientes, polos 167 do ano pasado.

En comunicado, o presidente do COATAC, Roberto Medín, enumerou o "encarecemento da enerxía e os combustibles, a carestía de materias primas e a falta de man de obra cualificada" como varias das causas que propiciaron unha "freada" no ritmo de crecemento do sector. No entanto, Medín afirmou que "confiaban" en establecer ritmos de crecemento por encima do 10% para o exercicio da Delegación de Compostela. Por conseguinte, o presidente do COATAC indicou que o conflito bélico ucraíno provoca "cautela" sobre o futuro inmediato.

A pesar diso, Medín mostrouse optimista co sector. "Cando a situación internacional retome a normalidade, o sector da construción en Galicia estará listo para retomar ritmos de crecemento de dous díxitos e está chamado a liderar a recuperación", explicou Roberto Medín. Pola súa banda, o Colexio oficial da Arquitectura da Coruña propuxo ás administracións "favorecer" a contención dos prezos da enerxía e os combustibles.

Ademais, o Colexio de Arquitectura da Coruña asumiu as propostas expostas polo Foro da Construción de Galicia. Estas propostas consisten na ampliación de prazos de obras de execución e entrega de vivendas, e a posta en marcha dun mecanismo de revisión de prezos "simple, real e fácil de aplicar".

UNHA CAÍDA DO 3,49% DO PEM

O Orzamento de Execución Material (PEM), que inclúe o prezo real dos materiais máis a man de obra, sumou durante o primeiro trimestre deste ano 73 millóns de euros na provincia da Coruña. Isto supón unha caída do 3,49% respecto ao PEM contabilizado de xaneiro a marzo de 2021, que rexistrou 75,73 millóns de euros.

En canto aos expedientes en Santiago de Compostela, o 44,65% corresponderon a obras novas (71). O restante (54,47%) foron 88 proxectos de reforma e rehabilitación. Con todo, o conxunto da provincia da Coruña rexistrou un 46,64% de obras novas (222) e as reformas un 53,36% (254). Ante estes datos, Roberto Medín explicou que as obras novas "gañaron protagonismo". Isto débese a que en 2020 as reformas en vivendas "representaron" en moitos municipios galegos "máis do 60% dos proxectos executados".

Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA
Construción do Hospital Gran Montecelo de Pontevedra.. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta