Mobilización para poder "vivir en galego agora e sempre"

Queremos Galego insta aos gobernos galego e español a "abandonar o desprezo pola lingua galega e garantir a súa presenza e dispoñibilidade en todo e para todo”.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/05/2022 | Actualizada ás 21:15

Comparte esta noticia

Representantes da plataforma cidadá Queremos Galego, da que forman parte máis de 500 entidades sociais e culturais do país, chaman á manifestación do vindeiro 17 de maio polas rúas de Compostela para “evidenciar que a situación do galego non é irreversível” e “que hai alternativas e vontade colectiva para mudar a tendencia negativa para a lingua”.

Cartaz da manifestación de Queremos Galego
Cartaz da manifestación de Queremos Galego

A plataforma reclama a posibilidade de "vivir en galego agora e sempre" e denuncia que o ensino e unha limitadísima oferta audiovisual en galego botan abaixo os esforzos das familias por garantiren a transmisión da lingua. "A sociedade galega propón solucións, como a Iniciativa Xabarín, a Iniciativa polo audiovisual galego ou as bases para a normalización da lingua elaboradas pola maioría da representación sindical do profesorado, das anpas, dos movementos de renovación pedagóxica e pola Mesa", apuntan nun comunicado.

Ademais, dende Queremos Galego recordan que para que que estas solucións frutifiquen cómpre que os gobernos galego e español "abandonen o desprezo pola lingua galega e garantan a súa presenza e dispoñibilidade en todo e para todo”.

"Un novo futuro para o galego é posíbel, se todas e todos, cidadanía, entidades sociais e gobernos imos na mesma dirección, a de asegurar que o galego está presente e plenamente dispoñíbel",engade. Por iso, chama a participar nesta manifestación que terá lugar en Santiago de Compostela ás 12.00 e para que haberá autobuses desde as sete cidades galegas, ademais de Vilagarcía, Verín, Arcade, Xinzo, O Carballiña ou A Mezquita.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta