Investidura: "Por non ter, non ten nin ansia", di Olalla Rodil de Rueda

O líder do PP e presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aplaudiu este mércores o discurso que pronunciou o seu sucesor. Carmela Silva censurou o discurso "aburrido e sen ideas" do vindeiro presidente da Xunta.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/05/2022 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, concluíu que o candidato á Presidencia da Xunta no pleno de investidura, Alfonso Rueda, foi "a viva imaxe de que o PP é pasado e proxecto de pasado". "Por non ter, non ten nin ansia", observou a raíz do discurso pronunciado este martes no hemiciclo galego, antes de avanzar que a portavoz nacional, Ana Pontón, ofrecerá propostas "urxentes" e de "modernización" de Galicia.

"Un discurso gris, desganado, que non ilusiona nin aos seus", conveu Olalla Rodil, quen sinalou que o aínda vicepresidente primeiro é un "candidato sen nada que ofrecer, sen o máis mínimo entusiasmo". "Non fixo nin propostas, non ofreceu nada máis. Un discurso xenérico, burocrático, non houbo nin unha soa proposta no medio desta crise tan brutal", manifestou nunha rolda de prensa na xornada de reflexión entre o discurso de investidura e a intervención dos grupos e o debate final.

O BNG lamenta que Rueda non ofrecese "unha soa proposta para rescatar aos sectores" máis afectados pola crise, nin tampouco "certezas á sociedade máis xusta e equitativa", ou para "afrontar a crise climática". Máis aló de "prazas en campamentos e tres vacinas", que Olalla Rodil aprobou, os nacionalistas consideraron que son medidas insuficientes. "Non era unha comparecencia ordinaria en comisión", apuntou, en alusión a unha intervención "sen impulso, sen propostas, sen ideas, sen liderado, que lle está facendo perder oportunidades a este país".

Precisamente, no debate deste xoves, Ana Pontón presentará un plan de medidas urxentes para "rescatar aos sectores máis afectados" e, en segundo lugar, un conxunto de medidas para "modernizar e transformar Galicia, mellorar as condicións de vida" das persoas de hoxe e das que chegarán.

A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa
A viceportavoz do BNG, Olalla Rodil, en rolda de prensa

CARMEA SILVA

Pola súa banda, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, considera que o do candidato Alfonso Rueda a presidir a Xunta tras a saída de Alberto Núñez Feijóo "foi un discurso antigo, aburrido e sen ideas", mentres que o alcalde da cidade do Lérez, Miguel Anxo Fernández Lores, critica a "falta de perspectivas".

A preguntas dos xornalistas no transcurso dun acto xunto ao alcalde de Pontevedra, censurou que Rueda "non falou de mellorar a sanidade", apuntou , nin da atención ás persoas maiores, "nin da necesaria remodelación de todos os centros educativos que están nunha situación deplorable", da nova mobilidade recuperando o espazo público para as persoas, "é dicir, non lle escoitei falar de nada relevante", resumiu.

A mandataria socialista engadiu que as "baixadas mínimas de impostos" anunciadas por Alfonso Rueda "non arranxan nada a ninguén" xa que, segundo destacou, "o que ten que haber é un novo modelo de fiscalidade onde paguen máis os que máis teñen". Tamén reprochou que Rueda dedicase unha parte do seu discurso a "botar balóns fóra" e "meterse co Estado".

"Continuísmo, pasado e desde logo sen perspectivas", engadiu pola súa banda, o alcalde de Pontevedra, que apuntou que comparte "en xeral" a valoración da presidenta da Deputación. Para Lores o Executivo autonómico que encabezará o pontevedrés Alfonso Rueda será "claramente continuista" co labor do Goberno de Alberto Núñez Feijóo do que "descoñezo cal é a súa liña de traballo, por exemplo, para mellorar a actividade económica e o emprego en Galicia".

PSdeG QUERE PRESENTAR UN PROGRAMA DE GOBERNO "REAL"

O Partido Socialista de Galicia destacou que presentará no debate de investidura deste xoves un programa de goberno "real e factible", que "ilusione" a Galicia fronte ao discurso "carente de proxectos" ofrecido polo candidato á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda.

En declaracións aos medios nun acto en Cabana de Bergantiños, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, volveu a criticar a mensaxe falta de "ilusión" e "carente de proxectos" ofrecido por Rueda na primeira sesión desta cita política celebrada o martes.

Fronte a iso, incidiu en que o PSdeG acudirá ao debate con "unha proposta de país" para "ilusionar" a Galicia. "Unha Galicia innovadora, que crea na súa mocidade, que se poña o obxectivo de que ningún mozo que aspire a desenvolver o seu proxecto de vida no país teña que renunciar a el por falta de oportunidade, por unha falta de altura política das súas formacións", sostivo Formoso, que destacou que o PSdeG achegará "proxectos concretos que ilusionen á sociedade galega".

ESQUERDA UNIDA

Pola súa banda, a coordinadora de Esquerda Unida, Eva Solla, tachou de "insulsa" a intervención do candidato popular á Presidencia da Xunta, Alfonso Rueda, e cualificouno de "sucedáneo" de Alberto Núñez Feijóo. Nun comunicado remitido aos medios, Eva Solla sostén que as propostas debulladas por Alfonso Rueda "non representan avance nin novidade ningún ou mellora política e redundan nas mesmas liñas que levaron Galicia á situación de empobrecemento actual".

"Báixanse os mesmos impostos a rendas altas e baixas", censura Solla, que asegura que "se houbese intención dalgún cambio", presentaría "unha reforma fiscal que significase gravar máis ás rendas do capital e aos que teñen maior capacidade económica e de patrimonio". Por todo iso, cualifica de "previsible" a intervención e as liñas de actuación do próximo goberno de Rueda.

FEIJÓO: "RUEDA VÉN APRENDIDO"

O líder do PP e presidente en funcións da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, aplaudiu este mércores o discurso que pronunciou o seu sucesor, Alfonso Rueda, para expor o seu proxecto, que valorou como adecuado non só para "finalizar" a lexislatura en marcha, senón tamén xa para "orientar" a próxima lexislatura.

Nunha comparecencia en Santiago, o dirixente popular dirixiu numerosos eloxios a Rueda, quen lle relevará na Xunta e tamén á fronte do PP galego. Precisamente, na súa campaña interna, reivindicou que o seu reto último é conseguir a quinta maioría absoluta consecutiva --tras o catro de Feijóo--, que permitiría aos populares galegos seguir á fronte do Executivo autonómico.

A preguntas dos xornalistas, Feijóo defendeu que o de Rueda foi o discurso "dunha persoa que coñece moi ben a Comunidade, que a serviu máis de 20 anos, que estivo desde abril de 2009 no Goberno e que vai proseguir como presidente ata final da lexislatura".

"É un político que coñece a acción de goberno, que participou nela e ostentaba a Vicepresidencia primeira. Coñece as necesidades, as cuestións pendentes e os puntos fortes", esgrimiu, en relación a que isto lle axuda a articular un proxecto co que "finalizar" este mandato e "orientar" o seguinte".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 1 comentario

1 Gamela

A política fiscal de Carmela Silva e do seu amo e señor Abel Caballero regala 10.000 m2 en primeira liña de praia por 2,6 millóns ao Grupo Inveravante - Hotel Attika21 - onde podemos pasar unha noite por 400 € ! Barato barato malvender Patrimonio Público a Grupos Privados ! Para Sagrados Corazóns están os orzamentos da Deputación Socialista ~ Nacionalista de Pontevedra ? https://twitter.com/calveiro/status...