O metal da Coruña sae ás rúas para demandar un salario actualizado ao IPC

A segunda xornada de folga sáldase co berro dos megáfonos ante edificios institucionais e algún que outro ovo esmagado sobre o asfalto.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 12/05/2022 | Actualizada ás 13:50

Comparte esta noticia

Traballadores do metal da provincia da Coruña secundan unha segunda xornada de folga e mobilizacións en demanda dun convenio, nunha convocatoria promovida polos sindicatos CIG, CCOO e UGT e que continuará con novas protestas os días 18 e 19 de maio.

O obxectivo das mesmas é reclamar un convenio para os máis de 16.000 traballadores que integran o sector nesta provincia e co obxectivo, segundo explicaron os seus representantes sindicais, de garantir o poder adquisitivo dos salarios e recoller melloras laborais e sociais no convenio.

A folga e mobilizacións convocáronse tras dous anos de negociacións sen "avances" e despois de que a patronal, na última reunión, presentará unha proposta económica, que os sindicatos rexeitan. Aínda que apuntan a que non hai grandes diferenzas entre o que unha e outra parte expoñen, descartan unha "xornada irregular" ou un convenio a seis anos "sen actualización do IPC no salario". Tamén piden a subrogación de traballadores de empresas de mantemento.

Tanto nas comarcas da Coruña como de Ferrol e Santiago, os sindicatos cifraron a folga entre un 80 e un 90% nas empresas de maior tamaño, con máis problemas de seguimento nos centros máis pequenos. No caso de Ferrol, con protestas e piquetes informativos no polígono da Gándara, remarcaron o seguimento nesta xornada nos concesionarios de coches, ademais doutros centros como os estaleiros.

INCIDENCIAS E UN DETIDO

Sobre as incidencias, limitáronas ao lanzamento de "algún ovo" ou "algún petardo", aínda que traballadores dunha empresa situada en Arteixo denunciaron desfeitas en coches, sen que por parte da dirección se pronunciaran sobre esta cuestión. Desde a CIG, lamentaron que a patronal non se puxo en contacto coa representación sindical. "Ten que recapacitar e sentar a negociar", asegurou Benedito Blanco, de CIG Industria en Compostela, cidade cunha manifestación desde a entrada do polígono do Tambre ata o edificio administrativo en San Caetano.

Na Coruña, tras unha xornada de piquetes informativos como nas demais comarcas, os traballadores secundaron unha manifestación desde o polígono da Grela ata a Delegación do Goberno en Galicia, con presenza dunhas 700 persoas, segundo a Policía Local, e con corte de tráfico en dirección entrada á cidade.

Piquetes informativos de traballadores en folga no sector do metal na provincia da Coruña. CIG
Piquetes informativos de traballadores en folga no sector do metal na provincia da Coruña. CIG | Fonte: Europa Press

Nela, produciuse a detención dun manifestante, por resistencia á autoridade, segundo a Subdelegación do Goberno, aínda que fontes sindicais consultadas vinculárono a un problema de identificación.

Os feitos tiveron lugar cando xa estaba a rematar a protesta, o que motivou que por parte de asistentes se berrase "somos traballadores, non delincuentes".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta