Ana Pontón cambiaría "o 100% do goberno" da Xunta actual: "Non hai proxecto"

O BNG aspira "con toda humildade e ambición" a liderar o país, asegura a súa portavoz nacional.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2022 | Actualizada ás 13:45

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, asegurou este venres que cambiaría "o 100 por cen do goberno" da Xunta actual se dela dependese e insistiu, especialmente, na falta de "proxecto e alternativa". "Estamos a asistir a un cambio de ciclo onde claramente o PP é o pasado e o BNG o futuro", manifestou Pontón a preguntas dos medios nun acto de cultura, no que observou que o de Rueda é "un goberno en que non hai proxecto nin alternativa para o país".

Pontón lembrou que descoñece polo momento a composición dese goberno, pero "en todo caso, o que é relevante para este país, é que necesita ideas que permitan a Galicia saír da situación de declive". A líder nacionalista salientou que Galicia "necesita un programa e un proxecto" para o país, fronte ao PP, que "non ten nin proxecto nin ideas de futuro". Por iso, sinalou que o BNG aspira "con toda humildade e ambición" a liderar o país.

CAMBIAR O CEN POR CEN

Pontón dixo que ela dará "cortesía sempre, 100, 200 ou 300 días", pero contextualizou que o PPdeG leva gobernando xa 13 anos. "Se de min dependese, se os galegos me desen a confianza, cambiaría o 100 por cen", dixo, á pregunta de a que conselleiro ou conselleira cambiaría á fronte da Xunta.

Pontón ironizou con que "sería raro manter algún conselleiro". "Temos un goberno débil, que non está á altura de Galicia. O que fixo o PP é deixar en peores condicións Galicia, aí están os datos: menos poboación, menos xente nova, menos emprego na industria, menos lingua e menos cultura", aseverou Pontón, quen apostou por "unha Galicia que vaia a máis".

A dirixente nacionalista incidiu en que "este é un gran país e pódese construír unha Galicia mellor", polo que se volveu dirixir a quen "queren a este país e levan Galicia na cabeza e corazón", mentres se comprometeu a seguir traballando "desde a oposición" este ano e medio e no futuro, "se os galegos lle dan a súa confianza".

A portavoz do BNG, Ana Pontón, bebe auga na investidura do ata agora vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia como presidente da Xunta, a 12 de maio de 2022. Álvaro Ballesteros - Europa Press
A portavoz do BNG, Ana Pontón, bebe auga na investidura do ata agora vicepresidente primeiro da Xunta de Galicia como presidente da Xunta, a 12 de maio de 2022. Álvaro Ballesteros - Europa Press | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta