Concertos e visitas no Museo de Pontevedra para celebrar o Día dos Museos

O Museo tamén vai compartir nas redes sociais o vídeo 'O Poder dos Museos' no que participan diversas persoas que explican os seus sentimentos para co Museo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2022 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra, César Mosquera explicou que o Museo de Pontevedra sumarase o próximo 18 de abril á celebración internacional do Día dos Museos, unha iniciativa do Consello Internacional de Museos (ICOM).

En rolda de prensa, Mosquera apuntou que, nesta ocasión, preténdese explorar o potencial que teñen estas institucións para provocar cambios positivos nas súas comunidades por ser lugares incomparables de descubrimento, que ensinan sobre o pasado e abren as mentes a novas ideas.

A programación en Pontevedra incluirá un festival musical con artistas noveis do Estudo Bonobo. O primeiro concerto, de crianzas de entre 4 e 6 anos de idade, levará por título 'Ritmo na lúa e Noise in the Jungle'. Esta actividade farase na 'zona 0', o vestíbulo da primeira planta do Edificio Castelao ás 17.00 horas.

O seguinte concerto será ás 19.30 horas na praza de entrada do Edificio Castelao. Haberá unha actuación da banda do proxecto Rocklab con cancións propias do alumnado de 10 a 12 anos e un concerto de Rebel Spirits, a banda feminina de rock que naceu na escola Estudo Bonobo.

Finalmente, xa ás 21.30 horas, no Claustro do Edificio Sarmiento, será o momento para o concerto de Thom Archi, cunha mestura de ritmos urbanos, melodías pop, rap e música dance electrónica.

VISITAS COMENTADAS

Ademais haberá visitas comentadas sobre a fonte que está instalada nos xardíns de Castro Sampedro e que, a pesar de estar nun lugar público, pertence aos fondos propios da institución provincial. Serán ás 12 e 13 horas, pola mañá, e ás 5 e ás 6 da tarde, sendo o punto de encontro a propia fonte.

Xunto a todas as actividades presenciais e abertas ao público, o Museo tamén vai compartir nas redes sociais un vídeo titulado 'O Poder dos Museos' no que participan persoas moi vinculadas á institución, desde artistas a persoal, así como outras da comunidade máis próxima: veciñanza e comerciantes da contorna que explican os seus sentimentos para co Museo e como este inflúe nas súas vidas.

Nas redes sociais do Museo tamén se emitirán pequenos vídeos en forma de 'pílulas' nos que participan máis persoas da cidade, entre eles por exemplo figuras do Pontevedra CF, alumnado da profesora Carmen Quinteiro, Polo Correo do Vento, Migallas Teatro, Kiko da Silva, Xavier Fortes, Iria Pinheiro e Manuel Jabois, ademais de representantes institucionais da Deputación, o Concello e a Real Academia Galega.

Museo de Pontevedra
Museo de Pontevedra | Fonte: xunta.gal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta