Baixan os casos activos da Covid pero repuntan en máis de 60 os hospitalizados

Outra tres vítimas elevan a 3.432 os falecidos pola pandemia en Galicia.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/05/2022 | Actualizada ás 11:14

Comparte esta noticia

Os pacientes hospitalizados pola Covid-19 en Galicia aumentan a 694, que supoñen 61 máis que o sábado --o domingo e festivos a Xunta non actualiza datos--, mentres que os casos activos descenden a 12.974 --uns 2.000 menos-- tras comezar esta semana con 502 novos casos abertos nas últimas 24 horas. Pola súa banda, a taxa de positividade baixa a un 29 por cento en Galicia.

Segundo os datos actualizados este luns pola Consellería de Sanidade, con rexistros ata as 18,00 horas do domingo, recollidos por Europa Press, desde o sábado aumentaron a 26 as persoas hospitalizadas en UCI pola Covid-19 en Galicia --unha máis-- e a 668 as ingresadas en unidades convencionais --60 máis--, mentres que 12.280 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio. O pasado luns, 9 de maio, había 734 hospitalizados, deles 12 en UCI.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas sete, en especial na de Lugo, que é a única sen ingresados pola Covid en UCI, mentres rexistra 73 hospitalizados noutras unidades --23 máis--.  No caso da da Coruña e Cee, aínda que descenden a 11 os pacientes Covid en críticos --un menos--, aumentan a 162 os ingresados noutras unidades --10 máis--; mentres que na de Vigo soben a tres os que se atopan en UCI --un máis-- e a 94 os doutras unidades --sete máis--.

Na área de Ferrol mantéñense tres ingresados en UCI e aumentan a 61 os hospitalizados noutras unidades --nove máis--; mentres que na de Santiago e Barbanza segue un en críticos e ascenden a 98 os doutras unidades --cinco máis--.

Na área sanitaria de Ourense mantéñense catro pacientes Covid en UCI e aumentan a 108 os doutras unidades --catro máis--; mentres que na de Pontevedra e O Salnés soben a catro os críticos --un máis-- e a 72 os pacientes noutras unidades --dous máis--.

CASOS EN DESCENSO

Os casos activos mantéñense en descenso desde o pasado sábado e sitúanse en 12.974, que implican 2.054 menos, ao haber máis altas este pasado fin de semana (3.294) que contaxios (1.243), ao que se engaden tres falecementos. O luns anterior, 9 de maio, había 15.553 infeccións activas.

O descenso é xeneralizado nas sete áreas sanitarias, coa da Coruña e Cee á fronte (-388), seguida da de Vigo (-366), Lugo (-361), Ourense (-328), Santiago e Barbanza (-300), Pontevedra e O Salnés (-160) e Ferrol (-150). Deste xeito, con máis infeccións activas mantense a área da Coruña e Cee, con 2.678; seguida da de Vigo, con 2.319; Santiago e Barbanza, con 2.093; Ourense, con 1.729; Lugo, con 1.639; Pontevedra e O Salnés, con 1.448 e á cola segue a de Ferrol, con 1.055.

CONTAXIOS

Esta semana comeza con 502 novos casos de Covid abertos nas últimas 24 horas tras rexistrarse 1.243 novos contaxios desde o sábado en Galicia. Co novo protocolo xa non se contabilizan os autotest positivos e non se fan probas de diagnóstico a poboación en xeral. O luns anterior --9 de maio-- rexistráronse 762.

En canto á taxa de positividade --número de PCR positivas por cada 100 realizadas-- comeza esta semana cunha baixada ao 29,39 por cento, tras incrementarse ao 38,67% o sábado. Por tanto, segue por encima do 5% que marca a OMS para dar por controlada a pandemia.

VÍTIMAS

As vítimas da pandemia pola Covid-19 no conxunto de Galicia ascenden a 3.432 despois de notificar a Consellería de Sanidade este luns outros tres óbitos.

UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - SERGAS.   / Europa Press
UCI do Hospital Clínico de Santiago / Ana Varela - SERGAS. / Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta