O Goberno recoñecerá a "dureza" do marisqueo para facilitar as prexubilacións no sector

Máis de 5.000 traballadores galegos poderían verse beneficiados pola medida.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/05/2022 | Actualizada ás 13:33

Comparte esta noticia

UPTA-Agtamar cifra en máis de 5.000 os mariscadores, percebeiros e redeiros que se verán beneficiados co adianto da xubilación, despois de que o Consello de Ministros aprobase o pasado martes o proxecto de lei de Pesca Sustentable e Investigación Pesqueira. E é que a nova norma pesqueira introduce coeficientes reductores para a idade de xubilación dalgúns colectivos de traballadores do ámbito do mar e pesqueiro, cuxas profesións son "especialmente penosas" e supoñen un "gran desgaste".

Sobre esta cuestión, a Asociación Galega de Traballadores Autónomos e do Mar (Agtamar), que se integra en UPTA, valora que a nova lei porá "punto final" á discriminación que sufría o colectivo. "Sen dúbida, a noticia é a máis esperada polas persoas traballadoras autónomas do mar, na súa maioría mariscadoras, redeiras e percebeiras", remarca.

Estas asociacións indican que se beneficiarán unhas 3.200 traballadoras por conta propia e uns 2.000 homes. Estes cambios inclúen o recoñecemento do coeficiente ao colectivo de rederas, cun 0,15, e o incremento deste indicador para o de marisqueo a pé, integrado maioritariamente por mulleres que pasa ao 0,15 e non co 0,10 actual.

Por parte de UPTA considérase que "se debe pór en marcha a revisión inmediata do catálogo de enfermidades profesionais do colectivo e a posta en marcha dun novo catálogo de enfermidades profesionais para aqueles sectores altamente feminizados".

A presidenta de Ammupesca, Rita Míguez, subliña que: "A especial dureza da nosa actividade fai mella na saúde do colectivo e temos que protexer ante todo o benestar físico de miles de mulleres que desenvolvemos un dos traballos máis duros do mercado de traballo por conta propia".

"Este cambio lexislativo prodúcese grazas ao traballo que desenvolveron ao longo destes anos as mulleres traballadoras do mar, é unha satisfacción para todos e non desistiremos ata conseguir dignificar o seu traballo cos catálogos de enfermidades profesionais, accidentes de traballo e o resto dos asuntos aínda sen resolver", apunta pola súa banda o presidente de UPTA, Eduardo Abad.

Redeiras de Galicia.
Redeiras de Galicia. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta