CC.OO. denuncia ao Sergas por "boicotear" unha folga

Aseguran que o CHUS incumpriu os servizos mínimos dun paro.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 20/05/2022 | Actualizada ás 13:36

Comparte esta noticia

Comisións Obreiras denunciou nun xulgado o "boicot" do Servizo Galego de Saúde á folga no servizo de Otorrinolaringoloxía do Hospital Clínico de Santiago por entender que a Xerencia da área sanitaria compostelá "incumpre a orde de servizos mínimos". Así o manifestou, a través dun comunicado de prensa, este sindicato, que explicou que considera que se "incumpre a orde de servicios mínimos" ao "asignar á persoa nesa situación tarefas que son ordinarias" o que, ao seu xuízo, "vulneraría o exercicio constitucional do dereito de folga".

Por iso, Comisións Obreiras lamenta que, tras seis meses de folga, "a principal preocupación da Xerencia sexa boicotear a folga no canto de ir á raíz do problema, que é a absoluta desorganización do servizo por parte de quen ten a responsabilidade de xestionalo". Respecto diso, este sindicato sinala que "leva meses alertando" de que un dos colectivos "máis prexudicados polo mal funcionamento do servizo é a poboación infantil". Así, alerta de atrasos no cribado de hipoacusia neonatal "e estes días é noticia a lista de espera en Audioloxía e Implantes Cocleares".

"Isto é consecuencia do entorpecemento, por parte do xefe de servizo, do seu normal funcionamento", alega CCOO. Con todo, incide esta central sindical en que "defender os dereitos sanitarios da pacientes da área Sanitaria de Santiago-Barbanza, con especial sensibilidade cara á poboación infantil, é un dos motivos polos que o persoal facultativo de Otorrinolaringoloxía está en folga".

CHUS, clínico de Santiago
CHUS, clínico de Santiago | Fonte: Sergas

Precisamente, nos últimos meses as organizacións sindicais afincadas na sanidade galega veñen denunciando publicamente as estratexias da administración autonómica para boicotear as folgas convocadas contra a precariedade de moitos dos servizos ofrecidos. Sinalan, neste aspecto, que o Sergas fixa servizos mínimos próximos ao 100%, de xeito que as folgas carecen de impacto real por non apreciarse unha caída na cobertura ofrecida. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta