Familiares das vítimas do 'Villa de Pitanxo' piden a Felipe VI que interceda por eles ante o Goberno central

As familias insisten en pedir un encontro con Pedro Sánchez e critican que Yolanda Díaz segue sen recibilas.

Por Europa Press / Redacción | Vigo | 24/05/2022 | Actualizada ás 17:16

Comparte esta noticia

O rei español Felipe VI aproveitou a súa visita a Vigo deste martes para reunirse coa portavoz dos familiares das 21 vítimas do naufraxio do pesqueiro galego 'Villa de Pitanxo', María José de Pazos, así como cun dos sobreviventes da traxedia, Samuel Kwesi, a quen lles trasladou o seu "total apoio".

O rei Felipe VI con María José de Pazos, portavoz das vítimas do  CASA REAL
O rei Felipe VI con María José de Pazos, portavoz das vítimas do CASA REAL | Fonte: Europa Press

Tal como informou á prensa De Pazos tras o encontro, o rei deulles "todo o seu apoio" e mostrouse "bastante apenado" de que as súas peticións se atopen no mesmo punto no que estaban no seu último encontro, ocorrido o pasado mes de marzo no funeral polas vítimas levado a cabo en Marín.

As familias agradeceron o xesto do rei e déronlle as grazas polos correos electrónicos que lles envían periodicamente desde Casa Real preguntando como se atopan. Tamén lle informaron de que existen medios técnicos para baixar ao pecio sen pór en perigo vidas humanas e que é necesario que se faga este verán para buscar probas do que puido ocorrer na madrugada do pasado 15 de febreiro cando se afundiu o buque.

Por iso pedíronlle que faga todo o que estea na súa man para que o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, lles escoite e atenda as súas peticións. "Só temos este verán para acometer esta operación", reivindicou.

Ademais, criticou que nin Sánchez nin a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, lles reciban, a pesar de que esta última precisamente estivo este martes en Galicia. No encontro deste martes tamén estiveron presentes o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a ministra de Xustiza, Pilar Llop.

Pola súa banda, Samuel Kwesi non cruzou palabra coa prensa debido a, tal como explicou De Pazos, o próximo 31 de maio terá que declarar como testemuña na Audiencia Nacional.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta