O PP tomba unha moción que reclamaba cubrir as baixas de docentes inferiores a 10 días

A Cámara rexeita tamén cos votos do PP crear o Instituto Rosalía para promocionar o galego no exterior.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/05/2022 | Actualizada ás 20:36

Comparte esta noticia

A maioría absoluta do Partido Popular bastou para tombar a moción presentada polo Grupo Socialista que demandaba á Consellería de Educación a cobertura das baixas de docentes no sistema educativo galego inferiores a dez días. A iniciativa, defendida pola parlamentaria socialista Noelia Otero, foi debatida no pleno ordinario do Parlamento de Galicia celebrado este martes. Na votación, o PP votou en contra e os grupos da oposición, PSdeG e BNG, fixérono a favor.

O texto pretendía instar á Xunta que "garantise" a cobertura das baixas de profesorado "como mínimo a partir do terceiro día", así como a "volver realizar" os chamamentos o cinco días da semana. "Galicia ten o mellor sistema de cobertura de baixas de todo o país", aseverou o deputado do PP Ovidio Rodeiro, que aseverou que o modelo galego é "exemplar" e que a iniciativa traída polo PSdeG e apoiada polo BNG é froito do exercicio dunha "oposición desesperada".

Neste sentido, Rodeiro acusou a socialistas e nacionalistas de expor "mentiras e manipulacións" sobre a cobertura de baixas dos docentes durante a pandemia, á vez que puxo o foco en que a consellería obrou seguindo o "consenso pedagóxico" que di "que o alumnado está mellor atendido con profesionais do centro" que cun docente chegado de fóra, xa que a este "lle custa máis" adaptarse.

Antes, Noelia Otero e o parlamentario do Bloque Manuel Lourenzo cargaran contra a xestión da Administración autonómica na sexta onda da pandemia, cando a Xunta "tivo que rectificar sobre a marcha" a súa decisión de deixar de cubrir as baixas inferiores a dez días á volta das vacacións de Nadal, en plena explosión de casos.

"Deixen este sistema que non beneficia a ninguén máis aló de que estean a pensar nos números e non na calidade educativa no ensino público", aseverou Noelia Otero, que incidiu en que o regreso á non cobertura de baixas curtas "supón un risco e unha irresponsabilidade" nun curso marcado pola pandemia como o actual.

Así, asegurou que existen centros educativos en Galicia nos que se solicita ao alumnado que leve máscara "por medo a quedar en cadro polo aumento de contaxios". Por parte do BNG, Manuel Lourenzo acusou de "recortar" en persoal durante este curso, como "quedou demostrado" nos orzamentos para este ano. Así mesmo, acusou á Consellería de Educación de borrar "con típex" as baixas na aplicación do sistema educativo.

Primeiro pleno do Parlamento de Galicia desde o fin das máscaras obrigatorias en interiores, cos deputados do hemiciclo galego facendo uso deste elemento de protección
Primeiro pleno do Parlamento de Galicia desde o fin das máscaras obrigatorias en interiores, cos deputados do hemiciclo galego facendo uso deste elemento de protección | Fonte: Europa Press

INSTITUTO ROSALÍA

A Cámara autonómica rexeitou, tamén polos votos en contra do Partido Popular, apoiar a creación do Instituto Rosalía de Castro, proposto polo BNG como entidade para fomentar a proxección no exterior da lingua galega. A iniciativa formaba parte dunha moción presentada polos nacionalistas durante o pleno do Parlamento galego e que foi tombada pola maioría absoluta do PPdeG fronte ao apoio unánime da oposición --BNG e PSdeG--.

En concreto, o texto defendido pola deputada frontista Mercedes Queixas expuña, ademais da creación desta institución, impulsar desde o Goberno galego un "pacto social" de fomento da lectura e activar un plan económico para o sector de libro que duplique o investimento que na actualidade destina a Xunta a este apartado. En palabras da parlamentaria, o sector atópase nunha "situación crítica" da que alertaron "numerosos" comunicados nos que denuncian as dificultades para continuar adiante.

Fronte a isto, a deputada do PP Sandra Vázquez defendeu os apoios da Administración autonómica ao sector do libro, que exemplificou en liñas como as subvencións á compra de libros en bibliotecas, as traducións ao galego ou a organización de feiras literarias. Así mesmo, tamén enxalzou o labor de promoción exterior da lingua galega que, di, impulsa a Xunta e que permite que "uns 3.500 alumnos reciban clases de galego en 17 países e 35 universidades de fóra" de Galicia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta