O centro de Pontevedra contará cun gran parque fluvial equivalente a 12 campos de fútbol

O proxecto, de case catro millóns de euros, permitirá destapar o treito urbano do río dos Gafos en 2025.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 24/05/2022 | Actualizada ás 20:21

Comparte esta noticia

Pontevedra contará cun gran parque fluvial no centro do concello. Será grazas á Fundación Biodiversidade, adscrita ao Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, que decidiu concederlle ao departamento de Desenvolvemento Sostible e Medio Natural de Pontevedra, que dirixe o socialista Iván Puentes, unha subvención por importe de 3.760.698 euros procedente dos fondos europeos Next Generation, no marco da súa convocatoria para fomentar actuacións dirixidas á renaturalización e resiliencia de cidades españolas.

Río Gafos, en Pontevedra
Río Gafos, en Pontevedra | Fonte: Wikipedia

Do total da axuda, dous millóns euros irán destinados a destapar o treito urbano do río dos Gafos, ao seu paso por Campolongo, e convertelo nun fermoso parque fluvial dun tamaño de 81.000 metros cadrados, equivalente a 12 campos de fútbol de Pasarón, en pleno corazón de Pontevedra.

"De cara a acadar a condición de beneficiario definitivo -explicou o concelleiro en rolda de prensa este martes- o Concello de Pontevedra só ten que achegar agora a documentación técnica e administrativa requirida, así como a carta de aceptación da axuda."A proposta remitida no seu día pola concellería contemplaba diversos proxectos cun valor total de 3.958.629,48 euros sen IVE (4.789.941,67 euros sumando o IVE), dos que a Fundación Biodiversidade financiará nun 95% tanto os 3.657.282,38 millóns que corresponden á parte do orzamento do Concello (3.474.418,25 €) como os 301.347,11 euros que corresponden ao da Universidade da Coruña (286.279,75 €), que colabora nalgún dos proxectos.

Deses 3,6 millóns, o Concello de Pontevedra asumiría polo tanto o 5% restante e mailo IVE, sumando deste xeito, coa parte da Universidade, os máis de 4,7 millóns de euros que se investirán. "Non podemos estar máis satisfeitos de que unha actuación tan importante como esta, que vai transformar o corazón da nosa cidade e a mellorar a calidade de vida de tódolos pontevedreses e pontevedresas, conte non só co respaldo económico que supón unha obra destas dimensións", dixo.

De feito, o proxecto xa recibiu o visto e prace da Dirección Xeral de Patrimonio Natural e o aval de Augas de Galicia, que lle deu unha excelente puntuación e que vén de garantir a súa inclusión no Plan de Xestión de Risco de Inundación e no Plan Hidrolóxico da Demarcación Hidrográfica Galicia Costa para o ciclo 2021-2027".

O PLAN

O plan de recuperación e restauración ecolóxica do treito urbano do río dos Gafos para o que se concedeu subvención abrangue un primeiro tramo cunha extensión de 330 metros do total de 540 que se atopan actualmente soterrados, é dicir, máis da metade dos que se pretenden recuperar. Con esta actuación lograríase avanzar na creación dun corredoiro ecolóxico en plena cidade, permitindo conectar o ecosistema natural do río dos Gafos, no seu treito periurbano (recoñecido como Espazo Natural de Interese Local), co tramo descuberto existente antes da desembocadura na ría de Pontevedra (para o que tamén hai xa en marcha unha intervención de rexeneración ambiental cun investimento de 600.000 euros). 

A proposta remitida a finais do ano pasado á Fundación Biodiversidade pola Concellería de Desenvolvemento Sostible plantexouse como un plan destinado a desenvolver a Rede Verde Pontevedra, integrando a dimensión medioambiental no medio urbano mediante a súa renaturalización, o incremento da biodiversidade e a recuperación e conectividade do espazo marítimo-fluvial, a fin de potenciar as infraestruturas verdes locais e de permitir unha maior resiliencia ante os efectos do cambio climático.

Deste xeito, entre os obxectivos recollidos tamén se contempla o deseño dunha Estratexia de Infraestrutura Verde Local e Adaptación ao Cambio Climático, que definirá a rede de espazos verdes e áreas naturais do conxunto urbano e ademais incorporará as actuacións necesarias a fin de potenciala e mellorala durante as vindeiras décadas. “Unha sorte de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) -precisou Iván Puentes-, pero de espazos verdes, á que se destinará unha achega de 91.581,74 euros (110.813,90 euros co IVE) e que é un documento estratéxico que a UE nos vai esixir a partir de agora para calquera candidatura de fondos europeos que teñan como finalidade o compoñente medioambiental”.

Ademais, entre as accións concretas recóllense a mellora ecolóxica e paisaxística no contorno do parque de Rosalía de Castro e a avenida de Compostela (a carón do Lérez), coa inclusión dun sistema de drenaxe sostible, cun orzamento de 923.456,51 euros (1.117.382,37 € con IVE); a restauración ecolóxica da marisma da Xunqueira de Alba, coa eliminación de especies invasoras como acacias, eucaliptos e cangrexo americano, cun orzamento de 304.571 euros (uns 368.530 € con IVE), e a recuperación ecolóxica e de fomento da biodiversidade dos parques situados nos antigos terreos de Tafisa e no contorno do edificio administrativo da Xunta (parque de María Vinyals), cun orzamento de 157.569,40 euros (máis de 190.000 € co IVE).

Iván Puentes asegurou que o Ministerio marcou como prazo para transformar estes 3,7 millóns de euros en obras e accións concretas o mes de xullo do ano 2025.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta