Pontón reunirase con Pere Aragonés no Palau da Generalitat este xoves

A líder frontista e o president abordarán "asuntos de interese mutuo" entre Galicia e Cataluña

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 13:26

Comparte esta noticia

A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, viaxará este xoves a Barcelona para manter unha reunión co president da Generalitat, Pere Aragonés, na que abordarán "asuntos de interese mutuo" entre Galicia e Cataluña.

O encontro entre o mandatario catalán e a líder frontista, o primeiro entre ambos, terá lugar no Palau da Generalitat durante a mañá do xoves, segundo trasladou este mércores a formación nacionalista.

O Bloque sinala que na reunión estarán sobre a mesa "asuntos de interese mutuo" para Galicia e Cataluña en ámbitos "estratéxicos" como economía ou investigación e servirá para que Aragonés e Pontón "intercambien" opinións sobre "a situación política actual".

A axenda da líder nacionalista en Barcelona --onde estará acompañada por responsable de relacións exteriores do BNG, Rubén Cela-- estenderase ata o venres e complétase cunha reunión co equipo de dirección da Institución Catalá de Investigación e Estudos Avanzados (ICREA), organismo que xestiona os centros de ciencia e investigación en Cataluña.

Así mesmo, Pontón tamén manterá un encontro con residentes galegos na Cidade Condal --a segunda con máis cidadáns de Galicia despois de Madrid-- e concluirá con "unha serie de encontros mediáticos".

Oriol Junqueras e Ana Pontón
Oriol Junqueras e Ana Pontón | Fonte: BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta