A Xunta defende a súa xestión das residencias no día en que se anuncian outras catro mortes

Política Social e residencias privadas cargan contra a reforma proposta polo Goberno para garantir a presenza dun coidador por cada dous usuarios.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/05/2022 | Actualizada ás 15:05

Comparte esta noticia

A conselleira de Política Social, Fabiola García, asegurou este mércores que as ideas sobre residencias presentadas polo Goberno central son "irrealizables", ao carecer de orzamento e "encarecer e dificultar o acceso aos coidados" para as persoas maiores. Así o sinalou tras participar por videoconferencia na reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais sobre a redefinición do modelo de coidados.

A conselleira apuntou que a proposta estatal suporía unha "importante perda de prazas" e de postos de traballo no ámbito dos coidados, cando nestes momentos se precisa o contrario. Ademais, é un "modelo discriminatorio" cos centros situados no rural con respecto aos urbanos, situación na que se atopan un gran número de instalacións en Galicia.

A conselleira de Política Social, Fabiola García. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA
A conselleira de Política Social, Fabiola García. DAVID CABEZÓN @ XUNTA DE GALICIA

O plan do Goberno, anunciado a comezos de marzo, implicaría un cambio radical na formulación das residencias do Estado. O Executivo buscaría limitar a 90 prazas as dispoñibles en cada centro, garantindo unha habitación privada a cada interno e a presenza dun coidador por cada dúas persoas usuarias. Precisamente, a Xunta foi sinalada nos últimos meses por protexer empresas privadas xestoras destes centros --DomusVi, en particular-- que foran acusadas de recortar persoal e manter os anciáns acollidos en situacións de insalubridade. 

En calquera caso, Fabiola García lamentou que o modelo do Executivo central "carece de consenso co sector" e coas administracións competentes, para quen ten un importante impacto económico. Neste sentido, lembrou que o Goberno central "non garante o financiamento necesario" para levar a cabo estas propostas.

DEPENDENCIA

Por outra banda, a Asociación Galega do Sector da Dependencia (Agasede) analizou nunha nota de prensa o borrador do 'Acordo sobe Criterios comúns de acreditación e calidade dos centros e servizos do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia (SAAD)", debatido tamén na Comisión Interterritorial.

En concreto, a entidade mostrou o seu "total rexeitamento á proposta", que "non respecta aos centros residenciais preexistentes e que, por tanto, aboca á destrución de prazas residenciais, nun momento no que hai carencia de prazas, segundo sinalan organismos internacionais como a OMS". Cómpre destacar, neste caso, que a entidade apuntada está composta por multitude de empresas privadas que, dende hai anos, tiran beneficio do coidado dos maiores con servizos en moitos casos postos en dúbida. Quecus, Mi Casa ou a Residencia de Salvaterra forman parte da plataforma crítica co plan do Goberno. 

CATRO MORTES MÁIS

As palabras da Conselleira e as empresas do sector chegan na mesma xornada en que foi comunicado que os falecementos de residentes de centros de maiores con Covid-19 confirmado por Proba Diagnóstica de Infección Activa (PDIA) desde o inicio da pandemia o 14 de marzo de 2020 ata o pasado 15 de maio de 2022 ascenden a 872, despois de rexistrarse outro catro óbitos.

Así se reflicte no último informe actualizado polo Instituto de Maiores e Servizos Sociais (Imserso) con datos ata o 15 de maio, recollido por Europa Press, no que se detalla que en España morreron en centros de maiores nese período 22.958, dos cales 872 corresponden a Galicia, catro deles entre o 9 e 15 de maio.

En conxunto, na semana do 9 ao 15 de maio rexistráronse catro mortos en toda a Comunidade galega en residencias, todos eles de novo en centros de maiores. Desde o 14 de marzo de 2020 ata o 15 de maio --as comunidades autónomas remiten ao Imserso datos sobre a situación dos centros residenciais do seu territorio, tanto de maiores, como para persoas con discapacidade e outros aloxamentos permanentes de servizos sociais dirixidos aos colectivos anteriores--, en España faleceron con Covid en centros de maiores 22.958 usuarios, 70 deles na semana do 9 ao 15 de maio.

No conxunto de residencias da Comunidade galega, na semana do 9 ao 15 de maio rexistráronse 458 usuarios con Covid-19 confirmados por PDIA nun total de 67 centros. En toda España ascenden a 5.321 en 836 destas instalacións. Do total de Galicia, 391 casos de Covid-19 corresponden a usuarios de 54 residencias de maiores nesa semana, que desde o 14 de marzo de 2020 ata o 15 de maio suman 14.039 persoas con esta enfermidade na Comunidade galega, de 232.815 en toda España.

FALTA DE ACORDO

Precisamente, o Goberno non conseguiu pechar o acordo coas comunidades autónomas para dar luz verde ao novo modelo de residencias. Fontes do Ministerio de Dereitos Sociais precisaron a Europa Press que o Goberno e as CCAA acordaron "pospor a votación" á espera de "pechar os últimos detalles".

O Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 confía en poder chegar a un acordo "ao longo do próximo mes" no que o cociente nos centros residenciais diminúa ata "un traballador por cada dous residentes, se amplíe o número de habitacións individuais nas residencias públicas e se establezan núcleos de convivencia de 15 persoas como máximo".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta