A Xunta asegura que "condena todas as agresións", incluída a de Jácome

Diego Calvo propón un pacto "serio" para que goberne a lista máis votada a BNG e PSdeG, que critican o apoio do PP ao alcalde de Ourense.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 25/05/2022 | Actualizada ás 20:45

Comparte esta noticia

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, subliñou que o Goberno galego "condena todas as agresións", incluídas a protagonizada polo alcalde de Ourense, Gonzalo Pérez Jácome, a unha sindicalista, así como a que un mozo atribúe ao alcalde de Pol, o socialista Liño Rodríguez, durante un partido de fútbol.

Así se pronunciou este mércores no pleno da Cámara galega, onde deu resposta a senllas preguntas do BNG e do PSdeG, que se debateron de forma acumulada, nas que as formacións da oposición instaban á Xunta a mostrar o seu posicionamento sobre o empuxón que Jácome deu a unha sindicalista que participaba nunha protesta a principios de maio e criticaban o apoio do PP a este rexedor.

"Condenamos todo tipo de agresión, sexa a quen sexa, non agresións selectivas", dixo Calvo, que lembrou que el mesmo foi vítima de "agresións" cando era edil de Ferrol. "Empuxáronnos, chamáronnos de todo e botei en falta a solidariedade de vostedes, porque non fixeron nada", respondeu nunha intervención na que acusou o PSOE de "calar" ante a agresión por parte do alcalde de Pol denunciada por un mozo.

Tras iso, asegurou que a Xunta "respecta a actividade sindical" e preguntou á oposición se está disposta a "falar en serio" ou se pretende "facer batifondo". "Se queren que goberne a lista máis votada, facemos inmediatamente un acordo entre os tres partidos que máis representación teñen en Galicia e levámolo a cabo", afirmou.

Con todo, Diego Calvo criticou que BNG e PSdeG "cambien as regras do xogo segundo lles convén". "Nós estamos de acordo con que goberne o máis votado", incidiu para sinalar que aínda que en Ourense gobernaría o PSOE, na Coruña, en Ferrol ou na Deputación da Coruña faríao o PP. "Sexamos serios e, se vostedes están dispostos a un acordo entre partidos, se fai falta traémolo ao Parlamento", apuntou.

Respecto diso, a deputada socialista Marina Ortega respondeu que o PP "só quere que goberne a lista máis votada" se "lle sae a saldo". "Se de verdade mirase polos intereses dos cidadáns non asinarían o acordo con Jácome", afirmou. Pola súa banda, o nacionalista Iago Tabarés asegurou que o BNG non cuestiona a lexitimidade dos pactos senón que esixe "responsabilidade" e advertiu das consecuencias de denigrar as institucións. "Deixen de pensar no PP e pensen nas persoas", reclamou.

O presidente do Comité Electoral do PP, Diego Calvo, nunha reunión da xunta directiva provincial do PP, a 2 de maio de 2022, na Coruña. Foto de arquivo.. M. Dylan - Europa Press
O presidente do Comité Electoral do PP, Diego Calvo, nunha reunión da xunta directiva provincial do PP, a 2 de maio de 2022, na Coruña. Foto de arquivo.. M. Dylan - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta