Volve a Epic Race, a cita de ultrarresistencia en bicicleta de montaña

Celebrarase o 4 e 5 de xuño.

Por E.P. | Vigo | 26/05/2022 | Actualizada ás 16:48

Comparte esta noticia

A sexta edición da Epic Race, a proba de ultrarresistencia sobre bicicleta todo terreo máis prestixiosa de Galicia, volve durante a próxima fin de semana, do 4 e 5 de xuño, para percorrer o territorio xestionado por 97 comunidades de montes.

Presentación da Epic Race 2022
Presentación da Epic Race 2022 | Fonte: Deputación de Pontevedra.

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presentou este xoves esta cita deportiva, acompañada de Josevi Cimadevila, director de Global DxT e representantes dos concellos de Pontevedra, Meaño, Portas, Moraña, A Lama, Mondariz e Redondela, nos que se sitúan as "estacións de paso" desta proba que transcorre por un total de 18 concellos.

Os xardíns do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, acolleu esta presentación na que se sinalou a Epic Race como un "escaparate da provincia" e o máximo expoñente do "turismo activo" que a Deputación quere promover.

A Deputación de Pontevedra é a principal patrocinadora da Epic Race, na que participarán un total de 300 ciclistas, dos que case o 20% son de Portugal.

A carreira, nas súas dúas distancias de 300 e 200 quilómetros, ten formato "non stop" e tempos límite de 28 horas e 19 horas respectivamente para completala. Hai categorías masculinas e femininas tanto en individual como en parellas e tamén nos equipos, que poden ser de ata tres ciclistas.

A proba está dividida en sete etapas coa estación de paso ao final de cada unha: Pontevedra-Meaño, Meaño-Portas, Portas-Moraña, Moraña-A Lama, A Lama-Mondariz, Mondariz-Redondela e, finalmente, Redondela-Pontevedra, que serven para realizar os avituallamentos e facer os controis de paso cos xeolocalizadores. 

O percorrido non está sinalizado, polo que se fai con navegación GPS. A meta e chegada está na avenida de Montero Ríos pontevedresa, fronte ao Pazo Provincial.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta