Por Galicia Confidencial | Verín | 28/05/2022 | Actualizada ás 21:00
Segundo o Goberno verinés, a depuradora municipal --que tamén trata a auga dalgúns dos concellos limítrofes-- está recibindo máis do dobre do caudal do que está preparada para procesar, e que sería máis que suficiente para atender a poboación de Verín e limítrofes de non haber infiltración de augas subterráneas que se introducen nas tubeiras en mal estado que atravesan o municipio. De feito, informaron, "a Confederación Hidrográfica do Douro vén de revisar a autorización de vertido de augas de Verín (de 3.000.000 metros cúbicos) corrixindo a súa taxa de 40.000 a 200.000 euros anuais debido á dilución dos residuos".
Ante esta situación, segundo os responsables municipais, o Concello encargou varios informes externos para coñecer as causas, ademais de instalar caudalímetros en varios puntos da rede de saneamento para aforar o líquido desprazado con precisión. Todos estes estudos referendaron que as filtracións son a causa do exceso de volume que recibe a depuradora.
TUBAXES EN MAL ESTADO
O Concello de Verín puxo en coñecemento da empresa concesionaria eta situación, informando das malas condicións das tubeiras --especialmente no colector norte desde Verín a Castrelo-- que provoca as devanditas filtracións. Segundo sinala tamén o goberno municipal, malia estas xestións a empresa non parece disposta a abordar os investimentos necesarios para solucionar a situación.
"O risco de dano ambiental está aí", sinalou o alcalde de Verín, "e a saúde ecolóxica do Val do Támega non pode seguir dependendo dunha rede de saneamento en mal estado".
"O risco de dano ambiental está aí", sinalou o alcalde de Verín,
Ante esta situación, e aproveitando a existencia de varias liñas de proxectos e fondos europeos centrados nos criterios de sustentabilidade e mellora medioambiental, o Concello de Verín cre que é un bo momento para presentar un proxecto de saneamento integral, proxecto que xa está redactado e que solucionaría o exceso de vertedura.
Nesta liña de actuación, Gerardo Seoane, alcalde do municipio, vén de pedir informes aos diferentes departamentos municipais implicados neste asunto para tramitar a recuperación do Servizo de Augas; mentres que Diego Lourenzo, tenente de Alcalde, lembrou que Verín, xunto con outros concellos da comarca e a Confederación Hidrográfica, teñen en marcha un grupo de traballo para redefinir o ciclo da auga no territorio.
Lourenzo quixo aclarar tamén na rolda de prensa do pasado 24 de maio, que "esta é unha decisión moi meditada e documentada", xa que neste caso en concreto e unha medida que se toma en aras da defensa do interese xeral. "Desde o Concello estamos abertos a falar coa empresa concesionaria --como se fixo en reiteradas ocasións-- para chegar a un acordo pero, no caso de non facelo, actuaremos con responsabilidade e determinación en beneficio da cidadanía".
Diego Lourenzo: "esta é unha decisión moi meditada e documentada"
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.