O PSdeG critica o "mercado de fichaxes" no Sergas por ofrecer casas para médicos en Sanxenxo

Considérao un "erro perigosísimo" porque implica un "mercadeo de profesionais".

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 27/05/2022 | Actualizada ás 16:16

Comparte esta noticia

O deputado autonómico do PSdeG Julio Torrado acusa a Xunta e o Servizo Galego de Saúde (Sergas) de converter os recursos humanos en Atención Primaria nun "mercado de fichaxes ao estilo fútbol" co acordo asinado co Concello de Sanxenxo para ofrecer catro vivendas a médicos no verán.

O deputado do PSdeG Juli0 Torrado
O deputado do PSdeG Juli0 Torrado | Fonte: PSdeG.

Así o censurou o portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, despois de presentar unha batería de iniciativas no Parlamento de Galicia para cuestionar o convenio ratificado o mércores entre o xerente do Sergas, José Flores, e o alcalde do concello, Telmo Martín.

A xuízo dos socialistas, esta proposta é un "erro perigosísimo" porque implica un "mercadeo de profesionais". A Consellería de Sanidade asinou "un convenio que parece que dinamita o modo de organizar os recursos humanos en función das necesidades sanitarias e da poboación", afea Torrado.

E é que, segundo o deputado do PSdeG, a procura de médicos "convértese así nunha poxa ao mellor ofertante" que "pode acabar por converterse nunha poxa  a ver quen ofrece o despacho con mellores vistas ou que concello regala un coche".

"Altera todo criterio de equidade entre concellos e as prioridades que deberá ter a xestión do sistema público e altera ademais os criterios básicos que a propia Xunta de Galicia manifestou contra a competencia entre administracións para a captación de profesionais", insiste Torrado.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta