Intelixencia artificial, relacións internacionais e xestión hoteleira, novas carreiras nas universidades galegas

Tamén incorporan novos másteres.

Por E.P. | Santiago de Compostela | 27/05/2022 | Actualizada ás 17:55

Comparte esta noticia

Os graos en Intelixencia artificial, Relacións internacionais e Xestión de empresas hoteleiras son as novidades do próximo curso no sistema universitario galego. A oferta para o curso 2022/23 foi dada a coñecer este venres pola Consellería de Educación tras o acordo por consenso das vicerrectorías das tres universidades galegas: Santiago, A Coruña e Vigo.

Biblioteca da USC
Biblioteca da USC | Fonte: Europa Press.

A falta de ser ratificada formalmente na Conferencia Xeral de Política Universitaria, a oferta está composta de 11.759 prazas públicas en titulacións de grao --209 máis que este curso-- e 5.162 nas de máster --26 menos--.

Como novidades entre os graos están o de Intelixencia Artificial, con 150 prazas e impartido entre as Universidades da Coruña, Santiago e Vigo; e o de Relacións Internacionais, compartido entre UDC e UVigo cun total de 45 prazas entre os campus de Ourense e Ferrol.

Ademais, tamén se incorpora á oferta do próximo curso o grao en Xestión de Empresas Hoteleiras, que se dará no Centro Superior de Hostalaría de Galicia, adscrito á USC. Conta cun total de 75 prazas.

Por último, de cara ao curso 2022/23 se reverifica o Grao de Enfermaría da USC con 150 prazas en Santiago e 83 en Lugo --13 máis--.

Pola súa banda, incorpóranse dez novas titulacións á oferta de máster, entre as que destaca o interuniversitario en Intelixencia Artificial, que ofertan o tres universidades con 60 prazas, e o de Desafíos das Cidades, que tamén imparten UDC, UVigo e USC en colaboración con outras tres universidades portuguesas.

Así mesmo, a USC engade tres novos másteres: Dereito Transnacional da Empresa e das Tecnoloxías Dixitais, Enxeñaría Ambiental e Goberno Local e Políticas Públicas Innovadoras.

En canto á UVigo, incorpora as titulacións en Enxeñaría Biomédica e Exercicio Terapéutico e Funcional en Fisioterapia; mentres que a UDC suma os de Eficiencia Enerxética e Sustentabilidade, Estudos Avanzados sobre a Linguaxe, a Comunicación e as súas Patoloxías e o de Métodos en Investigación e Análise social.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta