Familias de persoas con discapacidade piden un centro público en Ourense: "Estamos abandonadas"

A Deputación de Ourense aceptou instar á Xunta de Galicia a reactivar as obras do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/05/2022 | Actualizada ás 19:20

Comparte esta noticia

A Deputación de Ourense aceptou por unanimidade instar á Xunta de Galicia a reactivar as obras do Centro de Atención a Persoas con Discapacidade, unha execución que está parada desde agosto do 2021.

Ourense é a única das catro provincias galegas que non ten un centro público de continuidade para este colectivo cando os afectados alcanzan os 21 anos de idade e xa non poden seguir nos seus centros, polo que, a través da plataforma ProCAPD das familias, levan máis de seis anos buscando que se realice unha infraestrutura con xestión directa e pública do mesmo xeito que no resto das provincias.

Desde a plataforma sinalan que actualmente as familias ourensás afectadas teñen dúas opcións; desprazar os seus achegados ata as outras provincias, co que isto pode supor "non só por gastos ou distancias, senón tamén para o desenvolvemento desa persoa", ou deixalos na casa, "o que tampouco favorece o seu correcto desenvolvemento". É por iso que este venres, o Bloque Nacionalista Galego levou a pleno unha moción para reclamar á Xunta a que se reactiven as obras deste centro.

En lugar de defender a proposta, o portavoz nacionalista, Bernardo Varela, cedeu o seu escano a Eva Gutiérrez, a portavoz da plataforma, que aseverou que "un centro público de xestión directa non é un capricho senón un dereito".

A portavoz lembrou que o atraso das obras xa vén de lonxe, "antes da crise das subministracións", o último motivo polo que se paralizaron; e advertiu que as familias "están moi enfadadas" porque se "senten esquecidas e abandonadas". Ademais, fixo fincapé en que do edificio só está executado "o esqueleto", un 30% do prometido, e que "tería que estar terminado no pasado mes de febreiro".

Así pois, solicitou que se concreten os prazos da nova adxudicación, finalización e apertura do centro, recibindo o apoio unánime da cámara de representación provincial, que se comprometeu a elevar esta reclamación á Xunta de Galicia.

VIOPET

Por outra banda, a Deputación adheriuse ao programa Viopet para promover a acollida temporal de animais de compañía cuxas donas sexan mulleres vítimas de violencia machista. A iniciativa implica dispor dunha reserva de prazas de urxencia na rede provincial de centros de acollida de animais abandonados, ademais de promover entre os concellos a adhesión ao programa e organizar actividades que axuden a visibilizar este proxecto.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita as obras do centro de atención á discapacidade de Ourense. XUNTA
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita as obras do centro de atención á discapacidade de Ourense. XUNTA

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta